O BNG de Vigo pide a Caballero un compromiso real en favor do libro e da lectura en lugar de “palabras ocas”

libros

A fronte nacionalista demanda que se retome a posta en marcha dunha Rede Municipal de Bibliotecas, iniciada en 2011 coa Neira Vilas no Calvario, un Plan local de promoción da lectura e axudas ás librarías da cidade.

Xabier P. Igrexas: “As salas de lectura de Caballero son espazos diáfanos, que parecen sacados dun catálogo de Ikea, que só teñen mesas e cadeiras, pero nas que non hai nada que ler”.

O BNG de Vigo pide a Caballero un compromiso real en favor do libro e da lectura en lugar de “palabras ocas”

Após a inauguración da Feira do Libro de Vigo, decorrida onte, e na que o alcalde, Abel Caballero, subliñou a “enorme importancia” dos libros, desde o Bloque Nacionalista Galego piden ao rexedor que actúe “con coherencia” cun compromiso real a favor do libro e da lectura na cidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, chamou a que a intervención de Caballero no acto de apertura non fique en “palabras ocas nun discurso impostado”. Neste sentido, denunciou que a última biblioteca aberta na cidade foi en 2011 a Neira Vilas do Calvario –impulsada pola Concellaría de Cultura dirixida naquela altura polo Bloque–, e que estaba concibida como a primeira dunha rede municipal de bibliotecas nos barrios e parroquias. “As recomendacións do propio Ministerio de Cultura indican que unha cidade do tamaño de Vigo debera contar cunha biblioteca central e cunha biblioteca auxiliar, de barrio ou distrito, por cada 15 mil habitantes. Isto significa que Vigo tería que ter 20 bibliotecas descentralizadas, e só conta con unha”, explicou.

Igrexas cargou contra o modelo de salas de lectura promovido polo Goberno municipal nos últimos anos e que xa conta con tres espazos, na Casa do Patín en Bouzas, no Auditorio Mar de Vigo e o máis recente en Navia. “As salas de lectura de Caballero son espazos diáfanos, que parecen sacados dun catálogo de Ikea, que só teñen mesas e cadeiras, pero nas que non hai nada que ler”, reprochou. O edil nacionalista instou a rectificar este modelo que “non responde ás necesidades dos barrios nin ás demandas da veciñanza”, e reclamou que a prometida biblioteca de Teis “mereza de tal nome”.

Desde o BNG defenden ademais a necesidade de que o Concello poña en marcha un ambicioso Plan local de promoción á lectura, con accións específicas para crianzas e mocidades pero destinado ao conxunto da poboación.

Aliás, o portavoz municipal nacionalista dixo subscribir as palabras de recoñecemento que o rexedor brindou ao sector das librarías. No entanto, Igrexas advertiu que “o que precisan as librarías non son boas palabras, senón axudas reais, e iso pasa porque Vigo deixe de ser a única cidade galega que non destinou un só euro a axudar ao tecido comercial”.

O BNG de Vigo pide a Caballero un compromiso real en favor do libro e da lectura en lugar de “palabras ocas”