O BNG de Vigo pide sacar da “penumbra permanente” os museos da cidade

pinacoteca

A fronte nacionalista demanda a ampliación de horarios de visita, actividades continuadas de dinamización, programas expositivos máis ambiciosos e o desenvolvemento do Plan de musealización da cidade.

Xabier P. Igrexas: “Vigo é unha cidade cun enorme empurre cultural. Somos unha cidade creadora. Unha cidade de arte. E por iso temos que lamentar que a miope política cultural do Goberno local teña os nosos museos na penumbra permanente”

O BNG de Vigo pide sacar da “penumbra permanente” os museos da cidade

Coincidindo coa celebración da denominada “Noite Branca”, o Bloque Nacionalista Galego pediu o Goberno municipal de Vigo que saque da “penumbra permanente” os museos da cidade durante o resto do ano. A fronte nacionalista demanda a ampliación dos horarios de visita, actividades continuadas de dinamización, programas expositivos máis ambiciosos e o desenvolvemento do Plan de musealización da cidade.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, saudou positivamente que se realicen actividades como as previstas na xornada de hoxe dentro da “Noite Branca”, mais afeou que a política de “desertización cultural” que practica o Goberno de Abel Caballero, manteña na “penumbra permanente” os museos o resto do ano.

Igrexas criticou horarios de apertura “absolutamente raquíticos e insuficientes”, que no caso, por exemplo, do Museo Quiñones de León ou a Pinacoteca, a pesar dos importantes fondos que albergan, só permiten a visita durante menos de 4 horas ao día. Denunciou tamén a situación de abandono que padece o Arquivo Pacheco e rexeitou, novamente, a decisión do equipo de goberno de renunciar a dotar a cidade dun Centro Galego de Fotografía para utilizar o seu edificio como sede administrativa da Deputación. “Hai que facer que a chamada Rede museística da cidade sexa algo máis que un membrete e iso pasa por desenvolver un verdadeiro Plan de musealización”, explicou.

O portavoz municipal nacionalista subliñou que “os museos poden e deben ser un espazo para avanzar na democratización do acceso á cultura, permitindo ao pobo ter contacto coas diferentes manifestacións artísticas”. Con ese obxectivo, o BNG ten trasladado reiteradas propostas para reforzar e ampliar o funcionamento dos museos de Vigo que foron rexeitadas de maneira sistemática polo PSOE.

“Vigo é unha cidade cun enorme empurre cultural. Somos unha cidade creadora. Unha cidade de arte. E por iso temos que lamentar que a miope política cultural do Goberno local teña os nosos museos na penumbra permanente”, reprochou.

O BNG de Vigo pide sacar da “penumbra permanente” os museos da cidade