O BNG de Vigo reitera o seu apoio á FAVEC e insta ao Goberno municipal a non executar un desaloxo forzoso

bng favec

A fronte nacionalista propón que se lle ofreza á Federación Veciñal o seu traslado provisional á antiga casa reitoral, na rúa San Vicente no Casco Vello, na que se instalara a aula UNED nun inicio.

Xabier P. Igrexas: “En termos democráticos non é aceptábel que se acabe desaloxando á forza á Federación Veciñal da sede que ocupa desde hai varias décadas”.

O BNG de Vigo reitera o seu apoio á FAVEC e insta ao Goberno municipal a non executar un desaloxo forzoso

O Bloque Nacionalista Galego reiteroulle esta mañá a presidenta da FAVEC, María Pérez, o seu “total apoio” perante á ameaza de desaloxo da súa sede por parte do Goberno municipal de Vigo. Instan o executivo de Abel Caballero a iniciar un “diálogo real” para procurar unha “saída acordada” e propoñen que se lle ofreza á Federación Veciñal o seu traslado provisional á antiga casa reitoral, na rúa San Vicente no Casco Vello.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en conversa coa presidenta da Favec, María Pérez, reiteroulle esta mañá o seu  “total apoio” diante dun inminente desaloxo da súa sede na praza da Princesa.

“Non entramos a discutir a xustificación dese desaloxo por unhas obras que non se van realizar nese andar. Tampouco entramos no debate sobre a capacidade legal de obrar do Concello de Vigo. Pero en termos democráticos non é aceptábel que se acabe desaloxando á forza á Federación Veciñal da sede que ocupa desde hai varias décadas”, manifestou o edil.

Igrexas insistiu no chamamento a cesar “na violencia institucional e administrativa” en contra da FAVEC que, segundo denuncia, só está motivada no afán por reprimir a discrepancia do movemento veciñal da cidade con algunhas actuacións do Goberno local. “En democracia hai que permitir a discrepancia, hai que respeitar que se pense diferente e que colectivos sociais como a FAVEC poidan soster posicións diferentes ou contrarias ás do Goberno municipal”, reclamou.

O portavoz municipal nacionalista volveu urxir a apertura dun proceso de diálogo “real e efectivo” entre o Concello de Vigo e a dirección da Federación Veciñal para procurar unha solución acordada entre ambas as partes. Neste sentido, Pérez Igrexas, propuxo ao Goberno municipal que ofreza á FAVEC o seu traslado provisional ás dependencias da antiga casa reitoral, na rúa San Vicente, que xa foran adaptadas e reformadas para albergar nun inicio a Aula UNED até o seu traslado ao Auditorio Mar de Vigo.

“É claro que a opción de local que se lle deu á Federación, nunha sala minúscula e sen as debidas condicións, non era unha proposta a serio para resolver o problema. O Concello ten posibilidade de ofrecer unhas instalacións provisionais dignas e con capacidade para albergar a actividade da federación veciñal”, defende.


O BNG xa reclamou na última Comisión Informativa de Participación Cidadá, decorrida o pasado 21 de xullo, que non se execute o desaloxo forzoso da FAVEC e que se retomase o diálogo.
 

O BNG de Vigo reitera o seu apoio á FAVEC e insta ao Goberno municipal a non executar un desaloxo forzoso