O BNG de Vigo rexeita a criminalización das mobilizacións do 8M que só busca confinar a loita feminista

feminismo
A fronte nacionalista chama a participar nas mobilizacións convocadas na cidade, respeitando as restricións sanitarias, e a secundar a folga de mulleres impulsada pola CIG.
O BNG de Vigo rexeita a criminalización das mobilizacións do 8M que só busca confinar a loita feminista

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento ao cuestionamento do dereito das mulleres a se manifestaren o vindeiro 8 de marzo, Día internacional da muller traballadora. A fronte nacionalista chama a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista en Vigo e a secundar a folga de mulleres promovida pola CIG.

Feminismo-97 Cartaz4 08-03-2021“Resúltanos inaceptábel esta campaña de desmobilización cara ao 8 de marzo que o único que pretende é confinar a loita feminista. Ao longo da pandemia houbo manifestacións de todo tipo e ninguén dixo nada nin se cuestionou nada. Pero parece que só hai perigo cando as mulleres saímos á rúa”, denunciou a responsábel de Acción Feminista do BNG de Vigo, Sefi Romero.

Desde o Bloque advirten de que non van colaborar “en que se trate as mulleres como cidadanía de segunda”, e fan un chamado a saír á rúa, con todas as precaucións e respeitando todas as normas sanitarias, “porque non podemos renunciar nin ao 8 de marzo, nin aos nosos dereitos fundamentais”.

Neste sentido, anuncian que participarán na manifestación impulsada pola plataforma Galegas 8M que sairá ás 18:00 desde a praza dos Cabalos, e expresan o seu “total apoio” á folga de mulleres convocada pola CIG para este 8M e á concentración sindical convocada ás 12h no cruce de Gran Vía e Urzaiz.

“A pandemia provocou que este 8 de marzo vaia ter un formato diferente, pero esta xornada de loita feminista é máis necesaria do que nunca. Porque como di o lema da campaña do Bloque por este 8M as mulleres sostemos o presente, cambiemos o futuro”, defende Romero.

O BNG de Vigo rexeita a criminalización das mobilizacións do 8M que só busca confinar a loita feminista