O BNG de Vigo urxe mobilizar a vivenda desocupada na cidade para facilitar prezos accesíbeis

Xabier P. Igrexas

A fronte nacionalista reitera a necesidade de que o Concello de Vigo teña unha “verdadeira política de vivenda” e que promova a subscrición de convenios coa Sareb e a banca privada para dispoñibilizar pisos en alugueiro que non teñan “prezos privativos”.

Xabier P. Igrexas: “É momento de medidas reais e urxentes que permitan poñer fin á expulsión de moitas familias traballadoras que non pode permitirse, literalmente, pagar o prezo da vivenda en Vigo”

O BNG de Vigo urxe mobilizar a vivenda desocupada na cidade para facilitar prezos accesíbeis

O Bloque Nacionalista Galego expresou a súa discrepancia diante da renuncia do Goberno municipal de Vigo, recollida na proposta de novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), de actuar para mobilizar a vivenda desocupada na cidade. Propoñen que o Concello de Vigo subscriba convenios coa Sareb e bancos privados para artellar un parque municipal de vivenda de alugueiro.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu que “a vivenda é un problema social en Vigo” o que está a provocar que moitas familias traballadoras e a mocidade non poidan optar a este ben esencial na cidade. Neste sentido, apuntou que o custo medio dos alugueiros sitúase en 700 euros mensuais e citou varios estudos e informes que recollen que os prezos incrementáronse por volta dun 30% nos últimos cinco anos. “O BNG temos que criticar a nula política de vivenda despregada na nosa cidade tanto pola Xunta do PP como polo Goberno municipal de Abel Caballero”, afirmou.

Igrexas asegurou non “poder compartir” a renuncia a mobilizar a vivenda desocupada existente na cidade. “En Vigo hai, arestora, máis de 18.500 pisos baleiros, na súa meirande parte propiedade de grandes grupos financeiros, da Sareb e de bancos privados que foron rescatadas con diñeiro público”, explicou, lembrando que son máis de 5 mil as familias viguesas que están rexistradas como demandantes de vivenda protexida.

Desde a fronte nacionalista volveron reiterar a súa proposta de que o Concello de Vigo poña en marcha unha verdadeira política de vivenda, con medidas concretas, como promover a sinatura de convenios coa Sareb e os bancos para dispoñibilizar a prezos accesíbeis e constituír un parque municipal de vivenda en alugueiro.

“Non abonda con grandes titulares. Lembramos como en 2007 Abel Caballero prometía construír 6 mil vivendas protexidas en catro anos e en 14 non fixo ningunha. É momento de medidas reais e urxentes que permitan poñer fin á expulsión de moitas familias traballadoras que non pode permitirse, literalmente, pagar o prezo da vivenda en Vigo”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo urxe mobilizar a vivenda desocupada na cidade para facilitar prezos accesíbeis