O BNG volverá demandar que se homologuen as titulacións da ESAD como universitarias

manu

O deputado e portavoz de Educación do Bloque no Parlamento galego, Manu Lourenzo, denuncia as eivas que a non homologación provoca no estudantado no acceso a becas e na validación internacional do título.

O BNG volverá demandar que se homologuen as titulacións da ESAD como universitarias

O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá en Vigo que volverán demandar a homologación das titulacións da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza (ESAD) para que estas teñan carácter universitario. A fronte nacionalista reiterou, ademais, o seu total apoio ao alunado no centro fronte aos casos de acoso por parte de dous profesores e que fican baixo proceso xudicial aberto.

O deputado e portavoz de Educación do BNG no Parlamento galego, Manu Lourenzo, acompañado pola deputada, Carmela González, e mais polo concelleiro do Bloque na cidade de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantiveron un encontro cunha representación do alunado da ESAD no que puxeron en común diferentes problemáticas que atinxen o centro.

Lourenzo comprometeu que a fronte nacionalista volverá levar ao Parlamento galego o reclamo “xusto e irrenunciábel” de toda a comunidade educativa da ESAD para a homologación universitaria dos seus estudos. “Que a titulación da ESAD non teña a consideración de título universitario supón unha clara discriminación en relación a outros centros de arte dramática de Europa, e provoca importantes eivas para o estudantando, tanto nos seus dereitos como nas súas perspectivas profesionais”, denunciou o deputado nacionalista.

Entre as consecuencias desta situación “aberrante e inxusta”, Lourenzo citou dificultades para o acceso a becas universitarias ou problemas na homologación internacional do título. “Como resumiron perfectamente as estudantes: teñen todas as obrigas das ensinanzas universitarias pero ningún dos seus dereitos. É inaceptábel”, remachou.

Desde o BNG demandan un aposta decidida para desenvolver “o enorme potencial” da ESAD, como plataforma para o lanzamento a nivel nacional e internacional do talento creativo de Galiza.

Apoio fronte ao acoso

Pola súa banda, a deputada, Carmela González, reiteroulle ao estudantado o “total e incondicional apoio do BNG” fronte aos casos de acoso sexual por parte de dous profesorados que foron denunciados e que fican baixo un proceso xudicial aberto.

O alunado manifestou a súa inquedanza perante a posibilidade de que o profesorado denunciado poida retornar ao centro antes de que se dite sentenza, fronte ao que González lamentou a falla de protocolos claros e eficaces que eviten que este tipo de feitos se poidan producir nas aulas e que faciliten e ofrezan garantías e acompañamento ás persoas que os denuncian.

"Queremos aulas libres de acoso sexual e de calquera forma de violencia machista", esixiu a deputada. 

O BNG volverá demandar que se homologuen as titulacións da ESAD como universitarias