Iolanda Veloso aclara que o plan de emprego inclúe convenios e contratación pública como no de 2012

Iolanda Veloso aclara que o plan de emprego inclúe convenios e contratación pública como no de 2012

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso aclarou en resposta ás preguntas dos medios que o plan de emprego municipal incluido nos orzamentos de 2013 mantén a mesma estrutura que no de 2012. “Non hai ningunha novidade e inclúe dúas partes, unha destinada á contratación directa e pública e outra para asinar convenios coas asociacións e os colectivos sociais, igual que o ano pasado”, subliñou.

Segundo indicou Iolanda Veloso, que o alcalde da cidade e outra forza política falen de novidades amosa o seu descoñecemento do funcionamento desta iniciativa. “Ao mellor o alcalde non sabía como se fai o plan de emprego e deuse conta escoitando as críticas doutros partidos que tampouco saben como se fai”, comentou.

A portavoz municipal do BNG asegurou que, a respecto das sinaturas dos convenios, “non se pode dicir a Autismo Vigo ou a Érguete como ten que contratar aos seus especialistas ou se teñen que convocar unha oposición”. O mesmo se pode aplicar ao seu xuizo a respecto das asociacións veciñais e as comunidades de montes.

Contratacións ilegais

“Nós non imos acusar a estas entidades de contratar ilegalmente, como parece que si queren facer outras formacións”, sinalou. Ademais, Iolanda Veloso considerou que hai que ter “un gran descoñecemento” dos mecanismos do plan de emprego para insinuar estas acusacións.

Para a nacionalista o obxectivo do plan de emprego é precisamente impulsar a creación de postos de traballo, “tamén apoiando ás asociacións que fan un gran traballo social prestando servizos básicos para a cidade e que sufren directamente as consecuencias da crise económica”.

Iolanda Veloso aclara que o plan de emprego inclúe convenios e contratación pública como no de 2012