O pleno aproba a moción do BNG que esixe á Xunta que estableza a gratuidade do salvamento marítimo

O pleno aproba a moción do BNG que esixe á Xunta que estableza a gratuidade do salvamento marítimo

O pleno aprobou, cos votos a favor do PsdeG e contra do PP, a demanda do Bloque que insta á Xunta de Galiza a establecer o carácter gratuíto e universal das operacións de salvamento marítimo que realicen unidades do Servizo de Gardacostas de Galiza. Na súa intervención, Iolanda Veloso tamén reclamou que a Xunta rescate da venda os helicópteros de salvamento marítimo e garanta os tempos de resposta, un máximo de 10 minutos, as 24 horas dos 365 días do ano.

Para a portavoz municipal do BNG, a morte de Mercedes Veiga, a percebeira de Oia que perdeu a súa vida o pasado 12 de decembro, mentres desenvolvía o seu traballo, é un claro exemplo da “irresponsábel degradación, privatización e precarización do servizo de salvamento marítimo en Galiza”.

Iolanda Veloso asegurou que este “tráxico desenlace” puxo de manifestou o retraso na actuación do helicóptero "Pesca I", en relación cos tempos de resposta. “A algúns deberían atragantárselle os percebes”, comentou diante dos comentarios feitos polos concelleiros do PP sobre a inoportunidade de presentar esta moción no Concello.

“No Concello de Vigo temos todo o dereito do mundo a esixir ás administracións que cumpran coas súas obrigas, igual que fan vostedes cando o consideran necesario”, afirmou a portavoz municipal do BNG.

Custo do servizo

Por outro lado, Iolanda Veloso detallou o custo do salvamento marítimo, apuntando que 1 hora de servizo de helicóptero custa 2.200 euros, aos que hai que sumar os 37 euros que hai que pagar á hora por cada tripulante. Tendo en conta estes datos manifestou que un operativo de dúas horas pode custar á vítima máis de 4.600 euros.

“É normal pensar que os traballadores e traballadoras preferirán chamar aos compañeiros antes que ter que hipotecar o seu barco, a súa casa e a súa vida”, comentou.

Iolanda Veloso criticou asemade que antes de privatizar o servizo pagábase 12,5 millóns de euros, mentres que agora páganse 16,5 millóns. “Este é o resultado da súa austeridade”, manifestou.

O pleno aproba a moción do BNG que esixe á Xunta que estableza a gratuidade do salvamento marítimo