PSOE e PP votan en contra da moción do BNG que rexeita a construción dun macrocentro en Liñeiriños

PSOE e PP votan en contra da moción do BNG que rexeita a construción dun macrocentro en Liñeiriños

No pleno da Corporación celebrado hoxe o Bloque quedou só defendendo que non se constrúa un macrocentro comercial na área de Liñeiriños, despois de que PSOE e PP rexeitaran a moción presentada polo BNG sobre o tema. “Non xoguemos coa desesperación da xente e non fagamos como Feijóo cos floteis de Pemex. Teñamos coidado con estas propostas”, defendeu a portavoz municipal do BNG.

Iolanda Veloso explicou que segundo o PXOM o sector de Liñeiriños ten asignado un desenvolvemento de tipo público polo sistema de expropiación, que debe facer o Concello. “En 2007 o PSOE non quería expropiar, cando había un proxecto de ING, e agora con Eurofund si queren. Igual é porque teñen máis información da que nos din tras reunirse con fondo de investimento en Madrid”, criticou. Tamén mencionou as declaracións da actual tenente de alcalde nese anos, cando segundo recolle un diario de tirada estatal falaba de Liñeiriños como un espazo “con un bosque muy hermoso”.

A portavoz nacionalista destacou que dada a actual situación económica e social da nosa cidade, a declaración de Porto Cabral como de interese público está “absolutamente inxustificada”. Recomendou ademais ao goberno local que escoite ás asociacións de comercio de Vigo, que alertan das graves consecuencias que tería o complexo para o pequeno e mediano comercio da cidade.

Neste sentido, advertiu de que son xa máis de 12.000 empregos no sector comercial os destruídos en toda Galiza, con máis de 20.000 estabelecementos pechados, polo que a apertura dunha nova gran superficie comercial só acentuaría esta situación. Ao respecto sinalou que a apertura de Porto Venecia en Zaragoza provocou a destrución do 35% do comercio na cidade e mencionou a situación do comercio en A Coruña, saturada xa de centros comerciais.

Liñeiriños no PXOM

Iolanda Veloso aclarou que aínda que o PXOM recolle o uso terciario para Liñeiriños “en ningún sitio pon que haxa que desenvolver un macrocentro comercial”. Porén, sinalou que o Plan Xeral si recolle nos obxectivos do a rehabilitación do bosque autóctono de Cotogrande e o estabelecemento dun punto limpo.

Por outro lado, destacou que o BNG iniciou a tramitación deste PXOM en 1999 , pero a redacción final “é resultado de todos os partidos” e que o atraso na súa aprobación, no 2008, foi debido a decisións “discutíbeis” do alcalde. Precisamente nos primeiros meses do mandato de Caballero, a súa posición provocou enfrontamentos con distintos sectores así como a propia redactora do documento, e posteriormente, cando se garantiu a súa seguridade xurídica foi aprobado pola Xunta.

PSOE e PP votan en contra da moción do BNG que rexeita a construción dun macrocentro en Liñeiriños