Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que explicar porque o PSOE vai dicir non a que Vigo reciba 45,5 millóns de euros máis de investimento do Estado”

Xabier P Igrexas en rolda de prensa
O concelleiro nacionalista retruca as descualificacións do rexedor sobre a posición do BNG no debate dos orzamentos xerais do Estado: “o BNG non pode apoiar unhas contas que discriminan Galiza e que desatenden as necesidades de Vigo”.
Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que explicar porque o PSOE vai dicir non a que Vigo reciba 45,5 millóns de euros máis de investimento do Estado”

O Bloque Nacionalista Galego vén de reaccionar ás declaracións realizadas esta mañá polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, descualificando a posición da fronte nacionalista no debate dos orzamentos xerais do Estado. O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, instou o rexedor “abandonar os argumentarios que lle remiten desde Ferraz” e a estudar en profundidade un proxecto de orzamentos que “volve deixar no caixón as principais necesidades da cidade de Vigo”.

No concreto, Igrexas citou a inexistencia dunha partida para o soterramento da VG-20 en Navia, ou a insuficiencia das partidas para a mellora ferroviaria e, singularmente, a destinada á saída sur de alta velocidade que conectará a cidade olívica con Porto. “É falso que a saída sur sexa unha prioridade para Madrid, como dicía estes días a responsábel de Adif, se nos orzamentos inclúen apenas 200 mil euros para elaborar un novo estudo informativo cando o anterior superou o millón de euros de custe”, exemplificou. “Xa abonda de falsidades e propaganda, é hora dos feitos e dos números claros”, esixiu.

“O que debera explicar Abel Caballero é porque o PSOE vai dicir non a que Vigo reciba 45,5 millóns de euros máis de investimento do Estado, como propomos o BNG a través das nosas emendas parciais”, requiriu. O portavoz municipal nacionalista presentou en Vigo a pasada semana, canda o deputado do BNG, no Congreso, Néstor Rego, as emendas entre as que incluían cuestións como un plan de reactivación económica e industrial, dotado con 10 millóns de euros, a conversión da AP9 en tramo urbano desde Torres de Padín, ou a mellora da estrada Vigo-Porriño.

‘Puñetazo’ a Galiza

Igrexas afeou a incoherencia dos socialistas en relación aos orzamentos xerais do Estado, lembrando que o secretario xeral do PSdeG, Gonzálo Caballero, cualificara de “labazada” as últimas contas elaboradas polo PP de Raxoi. “Se daquela eran, con razón unha labazada para Galiza, o dos orzamentos de PSOE e Podemos que reducen un 11% o investimentos no noso País que é? Un puñetazo?”, ironizou.

“A posición e o voto do BNG no Congreso está ao servizo dos intereses de Galiza. Non podemos apoiar unhas contas que discriminan Galiza e que desatenden as necesidades da súa principal cidade”, argumentou o edil.

Emporiso, Igrexas instou a Abel Caballero a que “faga uso da súa cacarexada liña directa coa Moncloa e pida que rectifiquen uns orzamentos que son lesivos para Vigo e para Galiza”, insistindo na disposición do BNG a apoialos nese caso, tal e como vén de reiterar Néstor Rego hoxe mesmo no Congreso.

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero ten que explicar porque o PSOE vai dicir non a que Vigo reciba 45,5 millóns de euros máis de investimento do Estado”