O BNG subliña que a dimisión do portavoz municipal é unha “decisión persoal” e non froito de presión

O BNG subliña que a dimisión do portavoz municipal é unha “decisión persoal” e non froito de presión

O BNG de Vigo quere comunicar que a dimisión do portavoz do grupo municipal nacionalista responde a unha “decisión persoal” trasladada polo propio Santi Domínguez ao grupo municipal e ao Consello Local vigués, sendo rexeitada por unanimidade por este organismo. Segundo o responsable local do BNG, Miguel Pérez, en ningún caso se fixo presión ou nin tan sequera se fixo ningunha suxestión ao respecto para que o portavoz municipal decidira deixar o seu cargo de portavoz municipal.

Santi Domínguez trasladou á Bloque Nacionalista Galego no seu momento que, rebasado o ecuador da lexislatura, consideraba pertinente dar un paso atrás na súa carreira política e abrir a porta para que a organización decidira o futuro en Vigo a medio e longo prazo.

Esta decisión trátase, a xuízo do responsable local do BNG, dun exemplo de responsabilidade política que honra a quen leva seis anos exercendo de líder do BNG en Vigo. Non podemos esquecer que na mesma noite das pasadas eleccións municipais (2011) Santi Domínguez púxose a disposición da organización e foi a propia organización quen rexeitou a súa dimisión, considerándoo a persoa máis axeitada para encabezar o grupo municipal.

Desde ese momento, temos que recalcar que o BNG vigués en ningún caso contemplou a posibilidade de cambiar de portavoz municipal, polo que queremos aclarar que calquera información que neste sentido se ofreza baixo o epígrafe de “fontes nacionalistas” non responde a ningunha fonte oficial e autorizada do Bloque Nacionalista Galego.

En canto á decisión de quen exercerá a partir de agora de portavoz do grupo municipal é unha elección que lle corresponde exclusivamente ao Consello Local de Vigo. Deste mesmo xeito, as decisións tomadas polo grupo municipal do BNG e en concreto polo seu portavoz municipal sempre foron refrendadas polo Consello Local do Bloque.

O BNG subliña que a dimisión do portavoz municipal é unha “decisión persoal” e non froito de presión