O BNG de Vigo refórzase organizativamente co obxectivo de “multiplicarse” na cidade

asemblea
  • A fronte nacionalista ampliou o seu Consello Local con dez novas incorporacións, puxo en marcha unha Comisión Permanente Municipal, que asistirá ao seu portavoz no Concello, e potenciará os seus grupos de barrio e parroquias.
O BNG de Vigo refórzase organizativamente co obxectivo de “multiplicarse” na cidade

VIGO, 25 de xuño de 2019.-  O BNG vén de poñer en marcha varias medidas destinadas ao seu reforzamento organizativo, co obxectivo declarado de “multiplicarse” na cidade de Vigo. O Consello Local, máximo organismo de dirección local da fronte nacionalista, executou onte na reunión celebrada a última hora da tarde, os acordos emanados da Asemblea Local do Bloque. No concreto, procedeuse á ampliación do propio Consello Local, que incorpora 10 novos membros entre os que salienta a presenza de mulleres e mocidade, até totalizar 35 integrantes aos que se engadirá a representante que designe Galiza Nova, organización xuvenil da fronte. 

asemb2Ademais acordouse a posta en marcha dunha Comisión Permanente Municipal, que estará conformada por un total de 10 persoas. Este espazo está concibido, segundo explicou o concelleiro Xabier P. Igrexas, como a equipa de traballo que coordinará a actuación municipal das nacionalistas, xestionando os asuntos do día a día e planificando o traballo. “A Comisión Permanente Municipal será a equipa coa que traballarei cóbado con cóbado como portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo”, resumiu Igrexas. Da Comisión farán parte, entre outros, o propio Igrexas, o responsábel local da formación, Serafín Otero, a que fora candidata número 2 nos pasados comicios municipais do 26M, Maica Rivas, ou o exconcelleiro e exdeputado no Parlamento galego, Henrique Vieitez. Unha equipa “sólida e con persoas referenciais en diferentes ámbitos e con acreditada experiencia e capacidade”, en palabras de Igrexas, que servirá para dar a “maior solidez” ao traballo político do Bloque no Concello.

Outro dos acordos foi o da potenciación dos grupos de barrio e parroquia nos que se organiza a nivel de base o BNG na cidade, e no que participan tanto afiliación como persoas simpatizantes. “O noso obxectivo é despregar unha intensa actividade política tanto dentro como fóra do Concello, e por iso para nós é fundamental potenciar a estrutura territorial que temos para actuar tamén en todos os barrios e parroquias”, argumentou o edil nacionalista. A este respeito, a organización prevé aplicar algúns cambios nas responsabilidades e dotar de maior actividade os grupos xa existentes.

Multiplicarse

“O resultado do 26M, recuperando a presenza institucional no Concello, é un magnífico punto de partida. Pero o obxectivo que nos fixamos desde xa é o de multiplicarnos na cidade”, explicou o voceiro nacionalista. Esa multiplicación atinxe diferentes ámbitos de actuación. “Queremos multiplicar o noso peso no Concello, despregando unha actividade institucional con moita intensidade e cun traballo continuado, promovendo propostas construtivas e en positivo, centradas en dar alternativas para resolver os problemas reais das viguesas e dos vigueses. Multiplicarnos tamén a nivel organizativo, procurando incorporar a todas as persoas que nos últimos meses se achegaron ao BNG e abrindo inda máis as nosas portas de par en par a todas as persoas que se queira sumar a este proxecto aberto. E, sobre todo, multiplicarnos, a nivel social, tecendo complicidades máis intensas e permanentes co tecido asociativo e cos movementos sociais que o actual Goberno tenta silenciar e afogar, e cun traballo continuado a pé de rúa”, detallou Igrexas.

Todo, engadiu, coa intención de facer do asento do BNG no salón de Plenos “un instrumento útil para todas as viguesas e os vigueses e para os movementos sociais da cidade”.

O BNG de Vigo refórzase organizativamente co obxectivo de “multiplicarse” na cidade