Santi Domínguez afirma que a súa dimisión é unha “decisión persoal” tomada por “hixiene democrática"

Santi Domínguez afirma que a súa dimisión é unha “decisión persoal” tomada por “hixiene democrática"

Santi Domínguez confirmou hoxe a súa dimisión como portavoz municipal do BNG, asegurando que se trata dunha “decisión persoal” tomada o día despois das eleccións municipais de 2011 “por hixiene democrática” e que ao seu xuízo a ninguén debería sorprender. O exportavoz municipal, que manifestou o seu orgullo polo traballo desenvolvido polo BNG no Concello de Vigo, fixo público asemade que a concelleira e viceportavoz Iolanda Veloso asume a partir de agora a portavocía do grupo tras ser avalada onte no Consello Local vigués.

“Temos que ter a suficiente honestidade para que cando se encabeza unha candidatura e non se dan os resultados esperados hai que dar un paso atrás con toda a normalidade política”, salientou Santi Domínguez. Sinalou que esta mesma mañá trasladou a súa decisión tanto ao alcalde da cidade como aos portavoces dos outros grupos con representación municipal e avanzou que seguirá traballando como concelleiro ata o remate desta lexislatura “por responsabilidade, porque creo que podo achegar a esta cidade e para axudar a Iolanda Veloso nesta nova etapa”.

Asegurou que naquel momento tamén “tiña moi claro” cal debería ser o calendario para facer pública a súa renuncia á portavocía ao grupo. Lembrou que o día seguinte ás eleccións puxo seu cargo a disposición da organización, algo rexeitado polas propias executiva e asembleas locais. Neste sentido, indicou que ao seu xuízo “tiña que deixar pasar as eleccións autonómicas e agardar o debate máis importante do ano político, que é o documento dos orzamentos”.

Reconsideración da postura

O exportavoz do BNG comentou que hai 15 días que trasladou á organización a súa decisión de dimitir do cargo de portavoz municipal. “Creo que é o momento axeitado para que eu dea un paso atrás”, asegurou, ao tempo que considerou necesario aclarar que non ten “ningún problema” co BNG nin coa UPG tras a última asemblea de Amio. Ao respecto aclarou que ningún organismo do Bloque pediu a súa dimisión, senón que, pola contra, o Consello Local pediulle unanimente que reconsiderara a súa postura.

Tamén destacou o traballo levado a cabo no grupo municipal ao longo dos seis anos nos que exerceu como portavoz municipal. Como exemplo deste traballo coordinado comentou que nestes seis anos non houbo necesidade en ningún momento de tomar “ningunha decisión por votación” nin “ningunha discrepancia pública dos integrantes do grupo municipal”.

Emendas aprobadas por unanimidade

Santi Domínguez rexeitou asemade a idea de que houbera problemas sobre os orzamentos municipais. “A maioría das emendas presentadas foron ideas de Santi Domínguez, trasladadas ao grupo municipal e ao Consello Local, onde foron aprobadas por unanimidade”, explicou.

O nacionalista asegurou marchar moi tranquilo “porque a coordinación do grupo e a portavocía non podía caer en mellores mans” xa que ao seu xuizo, Iolanda Veloso ten demostrado unha “gran capacidade, ser unha gran compañeira e unha gran persoa”.

Finalmente agradeceu o traballo compartido cos diferentes concelleiros e concelleiras, e traballadores e traballadoras que integraron os dous últimos grupos municipais do BNG, así como os diferentes organismos do Bloque por permitirlle cumprir o “sono de todo vigués ou viguesa ao que lle guste a política”, como é ser dúas veces consecutivas candidato á alcaldía de Vigo.

Agradecemento ao esforzo

Xabier Alonso, pola súa banda, expresou o seu agradecemento ao esforzo e contribución de Santi Domínguez na construción do proxecto nacionalista en Galiza, algo que considerou “díficil” de facer sen apoio económico e mediático”. Dadas estas circunstancias, o concelleiro nacionalista asegurou que “sen o cariño que lle ten Santi Domínguez ao país, non podería ter aguantado incluso campañas difamatorias” e recoñeceu a súa postura contraria a que o exportavoz municipal dimitise.

Finalmente, a nova portavoz municipal asegurou ter aprendido moito de Santi Domínguez ao longo destes seis anos e destacou os seus valores de honestidade e xenerosidade. Iolanda Veloso agradeceulle asemade a súa confianza por contar con ela para configurar as listas de 2007 e 2011, así como ao grupo municipal e á organización. “Entendo que é unha gran responsabilidade e a asumo na mellor das condicións, porque é un grupo municipal cun traballo xa encamiñado”, destacou.

Mesma liña estratéxica

Neste sentido asegurou que non cambiará a liña estratéxica do BNG municipal e explicou que a organización ten “moi clara a función do BNG no Concello de Vigo”, que é respostar ás necesidades da cidadanía. “Cambiamos de portavoz municipal porque Santi tomou esta decisión, pero non cambiamos de estratexia”, subliñou ao tempo que comentou ironicamente “que o PP non abra aínda o campán”, se pensa que coa nova portavoz váiselle facilitar a chegada á Alcaldía.

Iolanda Veloso avanzou seu compromiso de seguir traballando cos seus compañeiros do grupo municipal e a organización no obxectivo de atender as necesidades dos cidadáns e cidadás, así como contribuír ao proceso de achegamento á cidadanía no que está inmerso o Bloque. Finalmente contextualizou o traballo do BNG na denuncia de perda de dereitos consecuencia das políticas do PP e expresou seu orgullo como muller por que a organización confiara nela para exercer as tarefas de portavoz.

 

Santi Domínguez afirma que a súa dimisión é unha “decisión persoal” tomada por “hixiene democrática"