O BNG de Vigo pide ao PSOE no Pleno que rectifique o “atropelo antidemocrático” de negarlle grupo municipal

bng pleno 01
  • Xabier P. Igrexas cualificou de “disparate xurídico” a resolución de alcaldía que o designa como “non adscrito” e esixiu que se respeite a vontade das case 8500 viguesas que co seu voto o elixiron concelleiro.
  • O BNG votou en contra das propostas do grupo de Goberno relativas ás asignacións de grupos, dedicacións económicas, comisións informativas e representantes en organismos municipais. 
  • A fronte nacionalista opúxose tamén á modificación de orzamentaria formulada polo Goberno e volveu defender que o millón de euros de Ryanair se destine ao Plan  Municipal de Emprego e non a concertos das Festas.
O BNG de Vigo pide ao PSOE no Pleno que rectifique o “atropelo antidemocrático” de negarlle grupo municipal

Esta mañá desenvolveuse, en sesión extraordinaria e urxente, o Pleno organizativo do Concello de Vigo no que se definiron cuestións como a configuración de grupos municipais, a periodicidade das sesións plenarias, as asignacións económicas dos grupos, o réxime de dedicacións retribuídas dos corporativos, as comisións informativas e a designación de representantes en organismos municipais. 

bng pleno 02No Pleno, o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas volveu pedir ao grupo socialista que rectifique o “atropelo antidemocrático e disparate xurídico” que supón a resolución da alcaldía na que, ademais de negarlle a constitución de grupo propio se lle designa ilegalmente como concelleiro “non adscrito”. Neste sentido, Igrexas reclamou que se respeite a vontade das viguesas e vigueses expresada nas urnas o pasado 26M e que resultou non só no reforzo dunha maioría absoluta, “lexítima, democrática e que respeitamos” sinalou, senón tamén nunha  Corporación Municipal máis plural con 4 formacións políticas en lugar de 3. “Sen pluralidade non hai democracia. E en democracia o respeito aos resultados electorais non é opcional. Por iso pedimos que se respeite a decisión das viguesas e vigueses de que neste Pleno haxa máis voces, non menos”, defendeu. 

O voceiro nacionalista volveu denunciar que a decisión da alcaldía fai que o BNG sexa a única formación política representada no Pleno que non vai contar con grupo municipal propio. Aliás, acrecentou que a súa designación “contraria a Dereito e aberrante en termos democráticos” como “non adscrito” o único que persigue é adulterar o resultado electoral e laminar a representación do Bloque no Pleno, recortando o seu dereito a intervir e negándolle os medios mínimos indispensábeis para poder realizar a labor política de oposición.  

Igrexas lembrou que se ben o Regulamento Orgánico do Pleno exixe 3 edís para conformar grupo, nin a Lei de Administración Local de Galiza nin a Lei de Bases de Réxime Local, que prevalece sobre as outras dúas normas polo principio de “xerarquía normativa”, recollen esa limitación.  “Rectifiquen este atropelo antidemocrático, porque as 8500 viguesas e vigueses que votaron BNG son tan viguesas e vigueses de primeira como as máis de 100 mil que votaron polo PSOE”, esixiu. 

Ao remate da sesión e a preguntas de xornalistas, Igrexas ratificou a decisión de promover un recurso de reposición contra a resolución que o designa “non adscrito” e que xa están a elaborar os servizos xurídicos do BNG. Durante a intervención do portavoz nacionalista un grupo de simpatizantes realizaron unha protesta simbólica, amordazándose e portando carteis cos lemas “o PSOE  silencia a voz de 8.461 viguesas e vigueses” e “sen pluralidade non hai democracia”

Dopaxe económica do PSOE

O concelleiro nacionalista votou en contra da proposta de asignación económica para os grupos así como do reparto das dedicacións retribuídas, despois de criticar que o que pretende o PSOE é “doparse economicamente con 70 mil euros anuais, 11 dedicacións exclusivas e unha parcial e con varias contratacións de persoal de apoio, mentres a este concelleiro os únicos medios que lle teñen facilitado son un teléfono móbil e un correo electrónico”. 

O  Bloque tampouco apoiou a proposta de creación e representación nas Comisións Informativas do Pleno e nos organismos municipais, ao considerar que non responden á pluralidade existente e que foron deseñadas polo grupo de Goberno unicamente como “espazos burocráticos e de trámite”, cuestión que o edil nacionalista combaterá con “traballo político para dotalas de contido e que exerzan de verdade o seu cometido de fiscalización e acompañamento do Goberno”. 

Modificación orzamentaria

Após o Pleno organizativo tivo lugar unha segunda sesión extraordinaria e urxente para abordar a proposta de modificación orzamentaria, promovida polo Goberno local, para dedicar 1 millón de euros do convenio non executado con Ryanair para as Festas de Vigo e 100 mil euros da partida de subvención de Conxemar para aumentar o convenio do Marisquiño. A respeito desta última, o voceiro do  BNG expresou o seu acordo coa necesidade de aumentar a achega municipal a un evento “de grande transcendencia, que sempre contou co noso apoio e que coloca a Vigo no mapa mundial dos deportes urbanos”.

Desde a formación nacionalista, recollendo as críticas formuladas polo concelleiro de Facenda contra a falla de apoio económico do Goberno galego en relación á programación cultural en Vigo, expresaron o seu “firme e contundente rexeitamento da política de abandono que practica a Xunta do PP contra a principal cidade de Galiza”. Por outra parte, reiteraron a crítica diante da “continuada exclusión dos grupos galegos e da música en galego” no cartel de grandes concertos da cidade  e defenderon que se dea espazo a grupos locais que “farán moito mellor o papel de teloneiros en lugar do alcalde”, ironizaron. 

No entanto, Igrexas votou en contra de proposta de modificación orzamentaria polo seu desacordo co incremento da partida de Festas. O BNG foi a única forza política que presentou unha emenda na que defendía dedicar ese millón de euros para aumentar a partida do Plan Municipal de  Emprego. Despois de cuestionar a falla de xustificación por parte da Concellaría de Festas, que non informou de cales son os compromisos de gasto subscritos sen partida e porque se acordaron por acima dos límites da partida asignada no orzamento, o voceiro do Bloque explicou que a decisión de a que destinar ese millón de euros “liberado” tiña que atender a un sentido de prioridade política. 

“Para vostedes [o PSOE] a prioridade é engordar a factura dos grandes concertos da  Festas. Nós, desde o BNG, defendemos que ese millón de euros se destine a atender a principal prioridade para a cidadanía viguesa que é promover emprego digno e con dereitos”, explicou Igrexas, lembrando que na actualidade en Vigo hai case 12 mil postos de traballo menos que en 2009, segundo se recolle nos datos da última EPA dispoñíbel, e que no último trimestre se destruíron máis de 2 mil empregos.  A emenda nacionalista foi rexeitada na Comisión Informativa de Economía e Facenda co voto en contra do PSOE e a abstención “cómplice” do Partido  Popular. 

O BNG de Vigo pide ao PSOE no Pleno que rectifique o “atropelo antidemocrático” de negarlle grupo municipal