O Bloque propón crear dúas liñas de bus para conectar Teis e Navia-Coia co hospital

seraotero
Serafín Otero, responsábel local do BNG

_A fronte nacionalista demanda tamén o reforzo das liñas xa existentes, aumentando as frecuencias até os 20 minutos e facendo que operen tamén en fin de semana.

_O Bloque manterá esta tarde un encontro aberto con asociacións veciñais e a FAVEC para recoller as súas achegas.

 O Bloque propón crear dúas liñas de bus para conectar Teis e Navia-Coia co hospital

VIGO, 8 de novembro de 2016.-  A pésima conexión co novo hospital, máis dun ano despois da súa posta en marcha, levou ao BNG a demandar a creación de dúas liñas de bus directas que conecten os barrios de Teis e Navia-Coia co Álvaro Cunqueiro. Esta medida é unha das seis que integran a proposta nacionalista para mellorar a conexión co hospital, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo responsábel local do Bloque, Serafín Otero, e que esta tarde trasladarán ao movemento veciñal da cidade nun encontro aberto que realizarán na sede da FAVEC.

A fronte nacionalista que as actuais liñas e frecuencias ofertadas son “absolutamente insuficientes” para atender a demanda veciñal e, ademais, deixan importantes áreas da cidade sen un servizo esencial para acudir ao centro hospitalario.  “Temos unha liña H pantasma, que só fai unha viaxe por día de luns a venres, unha liña H1 con buses cada hora só de luns a venres e unha liña H2 moi mellorábel”, resumía Otero enfatizando na gravidade de que zonas tan poboadas da cidade como os barrios de Teis, Navia ou Coia, carezan dunha conexión directa.  Unha oferta que desde o BNG cualifican de “pésima” en contraste coa valoración realizada no pleno de onte polo Goberno municipal, e que as nacionalistas imputan ou á “ignorancia ou ao cinismo”. 

Otero sinalou a importancia desta cuestión, xa que se trata do “servizo de autobús do que dispoñen os vigueses e as viguesas para trasladarse a un hospital, no que realizar probas diagnósticas, recibiren tratamento médico, visitar familiares ou mesmo ir traballar como persoal sanitario.”

Proposta

Para reverter esta situación o BNG presentou hoxe unha proposta-base que contrastarán coas asociacións veciñais e a FAVEC esta mesma tarde nun encontro aberto, co que pretenden recoller achegas e propostas que permitan perfilar a súa alternativa. 

A proposta nacionalista recolle basicamente seis medidas. A primeira consiste na creación de dúas novas liñas-lanzadeira desde Teis e Navia-Coia respectivamente. Demandan tamén a reformulación da liña H, para mellorar a conexión de Coia de abaixo,  Bouzas e Rúa Coruña, con frecuencias equivalentes ás das demais liñas. Outra das cuestións formuladas é aumentar as frecuencias en todas as liñas, as existentes e as novas, para asegurar un minimo dun bus cada 20 minutos no horario de maior demanda e cada 30 minutos no resto do día, fronte a actual frecuencia media dunha hora. Piden tamén que todas as liñas operen en fin de semana e festivoscunha frecuencia mínima de 45 minutos. Defenden que a Praza de América e a Praza dos Cabalos funcionen como nodo de conexión, mellorando a frecuencia e a cadencia horaria doutras liñas para desta maneira permitir o transbordo nun tempo razoábel, o que melloraría a conexión de zonas como Lavadores, A Salgueira ou o ensanche de Gran Vía, entre outros. Por derradeiro, demandan estudar a mellora da conexión das parroquias do cinturón periurbano (rural) e o litoral co HAC, mesmo coa creación de novas lanzadeiras ou a posta en marcha dun circular.

“Estas medidas entendemos que son o punto de partida mínimo, para ofrecer unha conexión por bus en condicións dignas e dar resposta suficiente á demanda dos barrios e parroquias da cidade. En todo caso, a partir do traballo co movemento veciñal da cidade, perfilaremos en maior medida esta proposta para lla trasladar ao Concello nos próximos días”, explicou Otero. Xunto a estas demandas referidas ao transporte, reiteran tamén a necesidade da mellora dos accesos peonís ao novo hospital, como reclama a veciñanza de Valladares, así como a gratuidade do aparcamento.

 O Bloque propón crear dúas liñas de bus para conectar Teis e Navia-Coia co hospital