O BNG urxe a convocatoria das OPE pendentes para reforzar con máis persoal o corpo de bombeiros de Vigo

IMG_20190524_101053
Xabier P. Igrexas e Maica Rivas no encontro mantido con representantes sindicais dos bombeiros

O candidato nacionalista pide ter un parque á altura dunha cidade de 300.000 habitantes e non dunha de apenas 100.000 garantindo como mínimo 150 bombeiros.

“Ás portas do verán e coa evidente falta de vontade política do actual goberno, o que nos preocupa é que se repitan situacións como a vaga de lumes do 2017 e que este colapso do servizo poña en risco a seguridade”, recordou Pérez Igrexas.

O BNG urxe a convocatoria das OPE pendentes para reforzar con máis persoal o corpo de bombeiros de Vigo

O candidato á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas mantivo hoxe un encontro con representantes sindicais dos bombeiros da cidade no que volveu recoller a súa preocupación polas condicións que padecen. Falta de persoal, ausencia de medios e unha situación que no cambiou nin un ápice nos últimos meses, fan que Igrexas volva remachar que co BNG na corporación a partir do próximo domingo, a prioridade será atender ao corpo de bombeiros cos medios necesarios e mudar unha situación, agora, insostíbel.

O candidato da fronte nacionalita volveu manifestar a súa enorme preocupación dun “modelo fracasado no que insiste o Partido Socialista e que deixa a cidade sen bombeiros”. Así llo a Miguel Ucles e Fernando Solveira, da sección sindical da CIG, cos que se reuniu esta mañá. “Vigo non se pode seguir permitindo ter un parque de bombeiros que está á altura dunha cidade de 100.00 habitantes, necesitamos un parque que estea a altura das necesidades dunha cidade de 300.000 e iso pasa en primeiro lugar, por garantir de maneira efectiva que como mínimo haxa 150 efectivos” remacha Pérez Igrexas. Na actualidade o plantel é de só 110, cun 20% en situación de baixa e a metade maiores de 50 anos.

Ante a inacción e a xestión nefasta por parte do goberno municipal, o candidato nacionalista esixe acabar coa situación de parálise e urxe a convocatoria inmediata das ofertas de emprego público do ano 17, 18 e 19 para aprovisionar canto antes do número de bombeiras e bombeiros necesarios para a cidade: “Estamos moi preocupados pola actual situación, ás portas do verán, sen que haxa marxe temporal para convocar e realizar estas OPES en menos de dous ou tres meses porque non vemos vontade política para facelo. Imos enfrontar o verán cunha verdadeira situación colapso no servizo de bombeiros da cidade” insiste preocupado sen esquecer a vaga de lumes que asolagou Vigo no 2017 e colapsou o servizo.

Decretazo

Igrexas criticou que a única decisión que foi capaz de tomar o actual goberno municipal foi a decretar a obrigatoriedade das horas extras para atender o servizo, que “é tanto como decretar a sobrecarga de traballo e poñer mesmo en risco a seguridade dos bombeiros e da súa capacidade operativa. Pero tamén a seguridade das viguesas e os vigueses”, engadiu. Amósase preocupado de ver que a única política que aplicou “o que se di un goberno socialista e dende un departamento de persoal que dirixe un ex sindicalista, foi a de obrigar a esas horas extras levando ao cadro de persoal a unha situación límite”, dixo Igrexas.

Un modelo fracasado

 Para o candidato á alcaldía o decreto é expresión dun modelo fracasado porque non logrou garantir o mínimo de 20 bombeiros que teñen que estar despregados a nivel operativo na cidade. “Non houbo efectividade nese sentido e o único que se está xerando é unha situación de sobrecarga, de cansanzo e de mazar nun colectivo laboral que desenvolve un traballo duro e penoso e cunha forte exposición tóxica que esixe dunhas condicións físicas e dun mínimo nivel de descanso que a día de hoxe non existe”, denunciou.

“O que lle trasladamos ao colectivo de bombeiros é máis unha vez, o noso total apoio e o noso compromiso de que un BNG determinante e decisivo no pleno da corporación a partir deste domingo vai facer que se atenda de maneira urxente dotar dos medios necesarios ao corpo de bombeiros desta cidade”, recalcou Xabier P. Igrexas.     

O BNG urxe a convocatoria das OPE pendentes para reforzar con máis persoal o corpo de bombeiros de Vigo