O BNG exixe un centro de saúde sen recortes para Bouzas

bouzas bng 210918
Xabier P. Igrexas e Luís Bará, acompañados de militantes do BNG

_O candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, criticou con dureza que a Xunta reduza á metade o proxecto.

_A fronte nacionalista levará, a través do seu deputado Luís Bará, esta cuestión ao Parlamento de Galiza.

O BNG exixe un centro de saúde sen recortes para Bouzas

O BNG realizou esta mañá unha rolda de prensa na Alameda de Bouzas, diante da parcela na que está proxectado o novo centro de saúde para a vila para urxir a súa construción “sen recortes”. O candidato do Bloque ás eleccións municipais, Xabier Pérez Igrexas, compareceu acompañado polo deputado Luís Bará, e mais do responsábel local do BNG, Serafín Otero.

“Por desgraza estamos xa afeitos e afeitas aos recortes sanitarios do Partido Popular, pero o que pretende facer Feixóo coa veciñanza de Bouzas é aplicarlle eses recortes de maneira preventiva”, denunciou Pérez Igrexas. O candidato criticou con dureza que o novo proxecto da Consellaría de Sanidade reduza á metade as dotacións e os servizos do novo centro de saúde. Neste sentido, xulgou “inaceptábel” que se pase de 1.200 metros cadrados de superficie útil a pouco máis de 600, e que en lugar de 6 consultas de medicina de familia e enfermería se vaian poñer en marcha apenas 3. “O PP con dez anos de atraso quere deixar agora Bouzas con medio centro de saúde, e o que é máis grave, sen pediatría e sen servizo de traballo social”, resumiu.

Igrexas puxo de relevo que a veciñanza de Bouzas leva anos a padecer unha atención sanitaria moi mellorábel. Neste sentido, destacou a pésima conexión de transporte cos centros de saúde de Navia ou Rosalía de Castro (onde se trasladou o da Casa do Mar), o que afecta especialmente as persoas idosas.

Por outra parte, o candidato nacionalista alertou da intención do Sergas de aproveitar a apertura do novo centro de saúde de Bouzas para proceder ao feche do da rúa López Mora. “Temos información de que os plans da Consellaría pasan por aproveitar a apertura dese futuro ‘minicentro’ en Bouzas, para botar o feche do de López Mora, malia que presta atención a un número importante de vigueses e viguesas”, manifestou advertindo da oposición do BNG a ese extremo. “O que precisamos e merecemos as viguesas e os vigueses é o  contrario do que nós impón o PP desde a Xunta: máis e mellor sanidade pública e sobre todo unha aposta decidida por mellorar a atención primaria”, remachou.

Iniciativa parlamentar

bouzas bng 02 210918O deputado do BNG, Luis Bará, anunciou que levarán o reclamo dun centro de saúde sen recortes para Bouzas ao Parlamento galego. Bará, inscribiu a intención do Goberno galego de abrir un “minicentro” absolutamente insuficiente na vila de Bouzas na política xeral de desmantelamento da sanidade pública e nos continuados recortes da atención primaria. Unha política que pon en risco a saúde das persoas como exemplificou a morte dun paciente no PAC da Estrada. Aliás, Bará demandou que se reforce co persoal sanitario necesario todos os servizos.

A preguntas dos medios a respeito das declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, sobre a súa intención de comparecer na comisión de investigación sobre a morte na Estrada, nas que o mandatario aseguraba que o facía para “defender a labor do persoal sanitario”, o deputado rexeitou de plano esas declaracións que cualificou de “tramposas”. “A sanidade pública funciona grazas ao esforzo do persoal sanitario que padece os recortes do Partido Popular e a pesar da súa política de desmantelamento”, afirmou, poñendo de relevo o “cinismo” de Feixóo nesta cuestión.

O BNG exixe un centro de saúde sen recortes para Bouzas