O BNG insiste en demandar o compromiso da Xunta para reactivar Vulcano

VULCANO
Carmela González, Xabier P. Igrexas e Mon Fernández.

O deputado e portavoz de Industria no Parlamento de Galiza, Mon Fernández, anunciou que o Bloque volverá levar esta cuestión a debate a través dunha batería de iniciativas urxindo a intervención pública.

Xabier P. Igrexas: “Vemos como o tempo pasa e o Goberno galego segue de brazos cruzados mentres a Autoridade Portuaria dinamita calquera proxecto de futuro. Vigo non podemos permitirnos perder un estaleiro centenario”

O BNG insiste en demandar o compromiso da Xunta para reactivar Vulcano

O Bloque Nacionalista Galego volveu insistir na demanda de que a Xunta de Galiza se comprometa, despregando todas as medidas que foren precisas, para que o estaleiro Vulcano reinicie a súa actividade canto antes. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, e os deputados Mon Fernández e Carmela González, mantiveron esta mañá un encontro co Comité de Empresa, a quen anunciaron a intención da fronte nacionalista de volver levar este asunto ao Parlamento galego a través dunha batería de iniciativas nas que urxirán a intervención pública.

Ao remate do encontro, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a inacción da Xunta. “Vemos como o tempo pasa, e o Goberno galego segue de brazos cruzados mentres a Autoridade Portuaria dinamita calquera proxecto de futuro. Vigo non podemos permitirnos perder un estaleiro centenario”, afirmou.

Aliás, o edil nacionalista lamentou a falla de implicación do Concello de Vigo, que a pesar das reiteradas peticións do Bloque continúa “de perfil” en lugar de despregar unha enérxica posición de cidade para esixir a continuidade de Vulcano.

Unha crítica secundada tamén polo presidente do Comité de Empresa do estaleiro, Nicolás Sangabriel, que após recoñecer o compromiso do BNG con Vulcano afeou que o alcalde da cidade non se teña pronunciado de maneira clara e rotunda a favor do estaleiro. Desde o Comité advirten tamén “situación límite” que atravesa o cadro de persoal de Vulcano que estes días vén de esgotar as súas prestacións por desemprego.

O deputado, e portavoz de Industria, no Parlamento galego, Mon Fernández, quixo ratificar expresamente o “total apoio” do Bloque ao plantel de Vulcano. “O naval non é industria sen máis. É industria con apelidos. O naval é un sector de alta cualificación, diversificado e no que Galiza pode e debe competir”, explicou.

Fernández, levará ao Parlamento o reclamo de que a Xunta se implique na procura de solucións que asegure o reinicio da actividade produtiva no estaleiro, ligada á construción e a reparación navais, cun proxecto empresarial que sexa solvente e que garanta o emprego. 

O BNG insiste en demandar o compromiso da Xunta para reactivar Vulcano