O BNG de Vigo esixe do Goberno municipal que cumpra as sentenzas e busque unha solución ao conflito dos bombeiros

Xabier P Igrexas en rolda de prensa

Urxen que se atendan as reivindicacións dos bombeiros para reforzar o servizo e garantir a súa capacidade operativa.

Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que un goberno que se di progresista tentase rebentar unha folga cun decreto de servizos mínimos abusivo”

O BNG de Vigo esixe do Goberno municipal que cumpra as sentenzas e busque unha solución ao conflito dos bombeiros

Após coñecerse o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que confirma a sentenza que xulgaba ilegais os servizos mínimos impostos polo Concello de Vigo na folga de bombeiros, o Bloque Nacionalista Galego esixiu esta mañá ao Goberno municipal que cumpra as sentenzas e que procure unha solución definitiva ao conflito, atendendo as reivindicacións para o reforzamento do servizo.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou o fallo do TSXG como unha evidencia de que “o Goberno municipal está instalado na absoluta ilegalidade”. “Son numerosos e reiterados os abusos e as vulneracións dos dereitos laborais e sindicais dos bombeiros, como numerosas son xa tamén as sentenzas condenatorias”, afirmou, aludindo tamén á anulación xudicial do denominado decreto de permanencia que impuña a obrigatoriedade de realizar horas extra.

O portavoz municipal nacionalista istou ao cumprimento estrito das sentenzas e afeou que “un goberno que se di progresista tentase rebentar unha folga cun decreto de servizos mínimos abusivo”. Neste sentido, lembrou que a folga en curso e que está a piques de cumprir un ano e medio, “non ten precedentes na historia da cidade” e ten como único causante o propio Goberno de Abel Caballero pola súa incapacidade á hora de dotar o servizo de bombeiros dos efectivos necesarios.

“A folga de bombeiros non só está motivada por lexítimas reivindicacións laborais, senón que o que persegue é forzar unha solución para evitar que a cidade de Vigo continúe a ser insegura”, afirmou. A este respeito, Igrexas subliñou que desde á Área de Seguridade, que dirixe a concelleira Elena Espinosa, non lograron evitar que “nun número importante de xornadas a cidade teña menos bombeiros en servizo do mínimo que o propio Concello fixou, deixando nunha evidente desprotección ás viguesas e vigueses e limitando a capacidade operativa para atender calquera emerxencia”.

Desde a fronte nacionalista instan o Goberno local a “poñerse a traballar” para dotar o servizo de bombeiros do persoal necesario para atender as necesidades dunha cidade de 300 mil habitantes.

O BNG de Vigo esixe do Goberno municipal que cumpra as sentenzas e busque unha solución ao conflito dos bombeiros