O BNG de Vigo pide a Abel Caballero que deixe de mentir á cidadanía sobre a saída sur de alta velocidade

pleno c

_A fronte nacionalista denuncia que nos orzamentos xerais do Estado de PSOE e Podemos, a saída sur só terá 200 mil euros para elaborar un novo estudo informativo cando o anterior custou máis de 1 millón.

_Xabier P. Igrexas: “A verdade dos números é que detrás da propaganda e das promesas, só hai fume e a saída sur vai volverá quedar no caixón”.

O BNG de Vigo pide a Abel Caballero que deixe de mentir á cidadanía sobre a saída sur de alta velocidade

VIGO, 04 de decembro de 2020.- O Bloque Nacionalista Galego demandoulle esta mañá ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, que deixe de mentir ás viguesas e vigueses sobre a saída sur de alta velocidade. O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, afirma que é “absolutamente falso que a conexión entre Vigo e Porto sexa prioritaria para o Goberno español” e denuncia que os orzamentos xerais do Estado só prevén 200 mil euros para elaborar o novo estudo informativo do trazado, cando o anterior custou máis dun millón.

Igrexas ironizou coa previsión defendida polo rexedor de que a saída sur será realidade en 2030, afirmando que “xa coñecemos a capacidade de prognóstico de Caballero, que cando era ministro en 1988 anunciou que o AVE chegaría a Vigo en 1993.

O portavoz municipal nacionalista cualificou de “patochada propagandística” as declaracións do alcalde após un encontro cun ministro portugués, trasladando un hipotético compromiso do Goberno español coa conexión entre Vigo e Porto. “É absolutamente falso que a saída sur sexa unha prioridade para o Goberno estatal de PSOE e Unidas Podemos, e non o di o BNG, dino os orzamentos xerais do Estado que aprobaron”, asegurou.

A este respeito, Igrexas apuntou que nas contas do vindeiro 2021 o executivo central apenas consignou unha partida de 200 mil euros para a elaboración dun novo estudo, cando o anterior superara en 2007 o millón de euros de custe e hoxe se estima que se precisaría 1,5 millóns de euros. “Esa é a verdade dos números, a de que detrás da propaganda e das promesas, só hai fume e a saída sur vai volver quedar no caixón”, remachou.

Pésimos orzamentos para Vigo

O BNG inscribe esta falla de compromiso cunha conexión ferroviaria “estratéxica para Vigo, para a súa área e para o conxunto de Galiza”, dentro duns orzamentos estatais que insisten na discriminación do noso País e que desatenden as necesidades da principal cidade galega.

“PSOE e Podemos veñen de votar NON ás emendas coas que o BNG pedía que se aumentase en 45,5 millóns de euros o investimento estatal en Vigo. O máis grave é que parece que o alcalde que presume de defender Vigo por acima de todo bendice este agravio”, reprochou Igrexas.

O BNG de Vigo pide a Abel Caballero que deixe de mentir á cidadanía sobre a saída sur de alta velocidade