Orzamentos Vigo 2026
O Bloque Nacionalista Galego rexistramos unha batería de 198 emendas parciais ao proxecto de Orzamentos para o Concello de Vigo do vindeiro ano. 198 emendas que incorporan achegas e propostas do tecido asociativo e da veciñanza, que recollemos a través dun proceso participativo, fronte a un proxecto de contas do Goberno de Abel Caballero que só ofrece máis do mesmo e que foron elaboradas un exercicio máis sen dialogar con ninguén.
Emendas por un valor total de case 31 millóns de euros que son a demostración de que si hai alternativa para construír un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG diante dun Goberno local instalado na inercia e dun Partido Popular que xa non ten nada que lle ofrecer á cidade.
Con propostas para avanzar cara a unha cidade socialmente xusta e igualitaria, máis habitábel e moito máis verde, e con medidas destinadas a reforzar as políticas de vivenda, cultura, deporte e para a mocidade
De cara a poñermos en común a nosa valoración e as nosas alternativas ao proxecto, e tamén para seguir recollendo as demandas da veciñanza, o Bloque organizamos un Encontro Aberto por uns Orzamentos Participativos, que terá lugar o vindeiro martes 11 de novembro, ás 19:30h, no salón A Toxa do Hotel Occidental (rúa Vía Norte 10, con acceso directo dende a propia rúa).
Un encontro que quere dar continuidade ao proceso de diálogo aberto co Debate Veciñal do Estado da Cidade celebrado o pasado mes de xuño, desde o compromiso de facer da participación da veciñanza e dos movementos sociais o motor do cambio que precisa a cidade.