🗳️ 28M Eleccións Municipais 2023
O BNG queremos elaborar o noso programa electoral do mesmo xeito que defendemos que se debe gobernar esta cidade: escoitando e dialogando de maneira permanente.
Coas túas ideas e propostas seremos quen de levar
#VigoMáisAlá
📑 Coñece as bases da nosa ALTERNATIVA PARA VIGO
✅ Participa na elaboración do noso PROGRAMA ABERTO
O proxecto do Bloque Nacionalista Galego de Vigo é aberto, positivo e construtivo. Unha alternativa sólida e rigorosa para lograrmos darlle un novo impulso á nosa cidade.
O BNG queremos levar Vigo máis alá. Máis alá do dinoseto, das luces, da fanfarria, dos anuncios e das promesas incumpridas. Reseteando en positivo a cidade fronte a actual inercia paralizante, superando a política frívola que pretende reducila a un parque temático, acabando co abandono dos nosos barrios e parroquias e devolvéndolle a Vigo o seu papel como maior cidade de Galiza.
Un Vigo máis habitábel e verde. Promovendo o acceso social á vivenda e democratizando o espazo público en favor das persoas. Unha cidade máis participativa e con servizos públicos. Naturalizando as nosas rúas e prazas e protexendo o noso litoral e os nosos montes.
Un Vigo máis igualitario e socialmente xusto. Despregando políticas radicalmente feministas e reivindicando a cidade como orgullosamente diversa -fronte a LGBTfobia e a xenofobia- e inclusiva da diversidade funcional. Convertendo o Concello nun parapeto social fronte ao agravamento da crise.
Un Vigo pulmón industrial de Galiza. Promovendo a reactivación económica e produtiva polo emprego digno e con dereitos. Blindando o futuro de sectores chave como a automoción e o naval. Potenciando o pequeno comercio e reorientando o proceso de turisficación masiva.
Un Vigo vangarda da creación cultural. Facilitando o acceso á cultura das clases populares e traballadoras, descentralizando a programación de actividades, revitalizando a rede museística e promocionando a lectura. Garantindo o dereito a viviren plenamente en galego.
Un Vigo motor de todo un País. A nosa cidade pode ser un verdadeiro motor de transformación de Galiza. Esixindo a fin do abandono da cidade por parte de Xunta e Goberno español. Liderando a nosa realidade metropolitana e sendo un grande polo da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.