Máis buses, menos multas

 

 

O ano 2025 vai ser determinante para o futuro da mobilidade en Vigo. A fin da concesión de Vitrasa abre un escenario de oportunidade para que Vigo conte cun servizo de bus urbano á altura da maior cidade galega. Por iso dende o BNG defendemos un modelo que potencie o transporte colectivo para avanzarmos cara a unha cidade máis habitábel e moito máis verde, dando alternativas reais e efectivas ao uso do vehículo privado.

Unha aposta que principia por remunicipalizar o autobús urbano, poñéndoo baixo xestión pública do Concello para que deixe de ser fonte de lucro dunha grande empresa e mellorando a calidade do servizo que se presta. Unha medida cuxa necesidade quedou acreditada nos últimos anos polo conflito laboral en Vitrasa, consecuencia tanto do empeoramento do servizo, con 250 frecuencias menos cada día, como pola negativa da empresa concesionaria a atender as xustas reivindicacións do persoal.

Este novo modelo de bus urbano esixe tamén redeseñar o obsoleto mapa de liñas, do ano 1994, para conectar de verdade os barrios e parroquias, un aumento substancial das frecuencias e unha mellora dos actuais horarios.

De cara a facilitar a mobilidade, dende o Bloque consideramos necesaria a posta en marcha dunha liña CERO, que una dende o barrio de Teis até Navia, que permita conectar co resto de liñas de bus. Para iso, é necesario ampliar a posibilidade de realizar até dous transbordos gratuítos nun período de 60 minutos.

O BNG defendemos a remunicipalización do servizo de bus urbano a partir de 2025

Outra das prioridades pasa por unha mellor conexión do bus con servizos públicos como os hospitais e o CUVI, ademais de novas liñas que promovan a intermodalidade coa estacións de tren, a terminal de buses e o aeroporto de Peinador.

Aliás, cómpre dotar dun mellor servizo nocturno atendendo unha das principais reivindicacións da mocidade viguesa. Apostamos tamén por reducir o prezo do billete un dos máis caros do Estado, ampliando as bonificacións facéndoo gratuíto para persoas desempregadas, perceptoras de axudas sociais e menores de 14 anos, e equiparando o bono estudiante co universitario.

Nese obxectivo de revolucionar a mobilidade en Vigo, para o BNG é fundamental potenciar tamén o uso seguro de transportes alternativos como bicicletas e patinetes, así como unha aposta decidida por democratizar o espazo público ampliando as rúas peonís, como xa demostramos durante a etapa de Goberno coa humanización do Calvario, da praza da Independencia ou do Casco Vello.

O Bloque temos moi clara a aposta estratéxica por facilitar o uso da bicicleta en Vigo non apenas como unha opción deportiva ou de lecer, senón como un medio para moverse de forma sustentábel e saudábel. Por iso, demandamos recentemento que o Concello de Vigo recupere o servizo municipal de préstamo de bicicletas eléctricas. Unha iniciativa impulsada polo propio BNG desde o Goberno local, no ano 2011, e que foi clausurada sen explicación por Abel Caballero.

Hai que deixar de blindar o espazo urbano para os coches, facilitando con todas as garantías de seguridade o uso doutras modalidades de transporte cun novo Plan Urbano de Seguridade Viaria.

 

¬Facer de todo Vigo unha ZBE: sen multas nin restriccións como quere impoñer Caballero

O BNG defendemos unha alternativa integral de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) sen as restricións e multas que quere impor o Goberno municipal de Vigo.

Por iso, presentamos unha folla de ruta para acordar con participación veciñal a ordenanza municipal que regule as ZBE, cuxa elaboración se iniciou hai tres anos sen avances e que legalmente debía estar xa definida.

O único que fixo o Goberno local polo momento foi encargar un informe previo, de apenas 42 páxinas cheas de palla e sen apenas detalles, nas que se definen unilateralmente e sen ningún tipo de xustificación 4 perímetros nos que se pretende restrinxir o acceso aos vehículos que non sexan híbridos ou eléctricos.

Tamén ten en marcha a solicitude dunha subvención do Goberno español para financiar a instalación dun sistema de control de accesos que custará máis de 5 millóns de euros.

Para o Bloque este modelo é unha moi mala copia de Madrid Central que non vai conseguir o obxectivo de reducir as emisións contaminantes na cidade, onde cada día hai se rexistran máis de 300 mil desprazamentos en vehículo privado nas nosas rúas.

Aliás, a proposta do alcalde discrimina ás persoas polo lugar de residencia e pola renda, porque non todo o mundo se pode permitir un coche eléctrico ou un vehículo híbrido.

Fronte a ese modelo, o BNG apostamos por un deseño das ZBE sen restricións nin sancións, co obxectivo de reducir con carácter xeral o uso do coche dando alternativas que pasen pola mellora do transporte público, a promoción do tránsito peonil, en bicicleta e vehículos de mobilidade persoal, creando aparcamentos disuasorios e con máis espazos para o tránsito peonil, na liña de actuacións exitosas como as despregadas na cidade de Pontevedra.

PRINCIPAIS MEDIDAS:

  • Reordenar o espazo público para dar prioridade, por esta orde, á mobilidade peonil, en bicicleta ou VMP e transporte público sobre o vehículo particular.
  • Promover máis rúas peonalizadas ou de prioridade peonil, recuperando espazo público para as persoas.
  • Elaboración dos metrominuto e biciminuto para estimular os desprazamentos andando e en bicicleta.
  • Xeneralización e promoción das das rutas escolares peonís seguras para todos os centros educativos públicos da cidade.
  • Revisión da ordenanza reguladora do uso de Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP) na cidade, retirando todas aquelas restricións que non estén fixadas no marco regulatorio xeral.
  • Potenciación do servizo de autobús urbano.
  • Promoción do uso compartido de taxi e creación de bono-taxi.
  • Estabelecemento de novos carrís bus-taxi e aplicación de sistemas de preferencia semafórica para o paso do transporte público.
  • Mellora da integración intermodal do transporte público, garantindo unha áxil conexión entre terminais (estacións de ferrocarril, terminal de bus, aeroporto e estación de transporte marítimo de ría).
  • Integración da cidade, a través dun novo acordo coa Xunta e da mellora substancial do servizo, no plan de transporte metropolitano.
  • Liderar a cooperación con outras administracións para a a posta en marcha dunha rede de tren de cercanías que vertebre a nosa realidade metropolitana e que conecte Vigo polo norte co eixo Pontevedra-Vilagarcía e polo sur até Tui.
  • Esixir a mellora substancial da actual rede de media distancia ferroviaria, con aumento de frecuencias.
  • Posta en marcha de aparcamentos disuasorios nos accesos da cidade.
  • Aplicar medidas adicionais para o calmado de tráfico: pasos de peóns resaltados, extensións das zonas 30 e 20, un maior control da velocidade e dos accesos a zonas peonís por vehículos non autorizados, entre outros.

>>CONSULTA A ALTERNATIVA DO BNG PARA AS ZBE EN VIGO