O BNG esixe á Xunta que rectifique os recortes de persoal no Conservatorio Superior de Música de Vigo
A fronte nacionalista acusa o Goberno galego do PP de provocar “un colapso de horarios e a perda de horas de ensaio” que vai afectar a preto de 300 estudantes
Representantes do Bloque no Concello e no Parlamento galego apoiaron as mobilizacións da comunidade educativa este martes na cidade
Xabier P. Igrexas: “Privar de oportunidades por mor da precariedade estrutural supón un gravísimo exercicio de irresponsabilidade institucional e unha perda irreparábel de talento”
O Bloque Nacionalista Galego volveu esixir este martes que a Xunta de Galiza rectifique os recortes de persoal anunciados no Conservatorio Superior de Música de Vigo. A fronte nacionalista acusa o Goberno galego de provocar “un colapso de horarios e a perda de horas de ensaio” que vai afectar a preto de 300 estudantes coa eliminación dun posto de conserxaría e de administración.
“Que o PP pretenda maquillar o desmantelamento que eles mesmos provocaron con medidas insuficientes só demostra a súa nula vontade política co ensino público”, valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que apoiou este martes as mobilizacións convocadas pola comunidade educativa xunto co concelleiro Filipe Abalde e a deputada e o deputado no Parlamento galego Carmela González e Brais Rúanova.
Igrexas cuestionou as medidas anunciadas pola Xunta como unha “tomadura de pelo” ao alumnado do Conservatorio. “Pretender que o principal referente de estudos musicais superiores do sur de Galiza poida funcionar con normalidade con parches e sen o persoal necesario é un despropósito”, criticou.
Favorecer o negocio privado
O portavoz municipal nacionalista insistiu en que a única solución pasa por recuperar de forma íntegra o persoal no Conservatorio e non con “anuncios de propaganda” para saír ao paso nos medios de comunicación. Asegurou que o Bloque “non vai dar un paso atrás” nesta demanda, e lembrou que xa rexistraron iniciativas no Parlamento galego para esixir a rectificación “inmediata e total” dos recortes de persoal.
Dende a fronte nacionalista acusaron o PP de “asfixiar a educación artística pública” de preto de 300 estudantes para favorecer “coma sempre” o negocio privado. “O ensino musical non é un luxo superfluo, un gasto prescindíbel nin un recurso formativo só accesíbel para as rendas máis elevadas”, defendeu Igrexas.
Advertiu de que a Xunta “non pode privar de oportunidades” aos estudantes de Vigo e cualificou de “exercicio de irresponsabilidade institucional” e de “perda irreparábel de talento” que o Goberno de Rueda pretenda “someter a unha precariedade estrutural” ao Conservatorio Superior de Música.