Desde o inicio da vixente pandemia de coronavirus hai un factor que se mantivo constante: a falla de previsión. Se ben podemos aceptar, razoabelmente, que a chegada da primeira vaga de contaxios no primeiro trimestre de 2020 dificultaba unha resposta áxil fronte a un fenómeno cientificamente inda moi descoñecido (cómpre lembrar as dúbidas sobre o modo de transmisión, por citar un exemplo), non se explica como a xestión das sucesivas ondas responda, de maneira teimosa e reiterada, a un mesmo guión.
Resumidamente: cada vez que se albisca noutros territorios a emerxencia dunha nova enxurrada vírica, a resposta do Goberno español é instalarse no “aquí non vai pasar”, e a acción da Xunta de Galiza a de esperar instrucións como se non fose a autoridade sanitaria no País. E así, unha e outra vez, as decisións para conter a transmisión e evitar o colapso asistencial sempre foron da man da lentitude, a improvisación e unha falla de determinación que, sobre todo após a entrada na “nova normalidade”, responde máis a temores reputacionais e a xestión de custes electorais e de popularidade que a parámetros sociosanitarios.
En febreiro de 2020, cando na Italia enfrontaban a explosión da primeira vaga, no Estado español instalábase o relato de infravalorar o problema, falando apenas dun novo tipo de gripe, e afirmando de maneira relixiosa que a pandemia non ía atinxirnos. Foi un exemplo moi gráfico de como o emotivismo e a irracionalidade se teñen imposto nos últimos tempos. O sempre falso triunfo da vontade, dos desexos, por acima da realidade material e da evidencia científica.
Ese guión volve agora, en forma de retrouso modificado, coa narrativa da “gripalización” e a presentación da pandemia como endemia. Trátase apenas dun construto argumental para xustificar que a xestión desta crise sanitaria agora quere debruzarse indisimuladamente en chave de control de danos, asumindo sen máis que a normalidade produtiva e económica ten de vir acompañada dun determinado número de mortes e de doentes graves. Así de cru.
Porén, o pasado 18 de xaneiro, o director xeral da Organización Mundial da Saúde, Tedros Adhanom Ghebreyesus, afirmaba que a pandemia de coronavirus “está lonxe de ter rematado” (sic). Así o visan os datos nos que, para alén da menor letalidade do virus, se recolle que arestora na Galiza hai preto de 80 mil casos activos, e que só na área de Vigo se superan os 20 mil. Casos rexistrados que tendo en conta o maior número de contaxios asintómaticos coa variante Omicron poden ser significativamente menores ao número real.
O retrouso pandémico do que falamos volveu manifestarse en datas recentes co veto, absolutamente irracional, da Xunta de Feixóo a recoller as propostas do BNG para despregar medidas concretas que permitan anticipar a loita contra a Covid19. O PP opúxose a poñer en marcha unha Rede Galega de Vixilancia Epidemiolóxica, a partir da exitosa experiencia na monitorización de augas residuais do proxecto CovidBens; ao incremento da capacidade de secuenciación xenómica, tanto de mostras de SARS-CoV 2 e as súas variantes; e ao reforzamento do sistema de rastrexamento. Ao tempo que se insiste na negativa a despregar, con urxencia, un plan de choque para dotar de máis medios, humanos e materiais, ao conxunto da rede asistencial da sanidade pública galega, a principiar por unha Atención Primaria colapsada.
Camiño de dous anos de pandemia o que fica constante é, pois, a falla de resposta áxil e anticipada fronte o maior repto sociosanitario dos últimos cen anos. E, nesta altura, esa incompetencia é xa deliberada.