O BNG de Vigo urxe a creación da Axencia Local de Vivenda Protexida e Social para enfrontar a emerxencia habitacional

A proposta busca frear a escalada de prezos e dotar a cidade dun parque público de vivenda e xa foi aprobada polo Pleno nunha moción nacionalista hai un ano
Critican a inacción da Xunta de Galiza, que apenas promoveu 62 vivendas en Vigo desde 2009, e a falla de medidas por parte do Goberno municipal
Xabier P. Igrexas: “A maior cidade de Galiza non pode seguir sen unha política pública enérxica que permita á xente vivir na súa propia cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Concello de Vigo fai un chamamento urxente ao Goberno municipal para que constitúa de inmediato a Axencia Local de Vivenda Protexida e Social, unha ferramenta esencial para combater a grave crise de acceso á vivenda na cidade. Así o manifestou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tras constatar a inacción do executivo local na posta en marcha desta medida, comprometida polo propio alcalde, Abel Caballero, en 2007 como candidato e aprobada hai un ano nunha moción do BNG no Pleno municipal.
“A maior cidade de Galiza non pode seguir sen un instrumento que permita desenvolver unha política pública enérxica en materia de vivenda”, defendeu Igrexas, alertando de que “a escalada sen límite dos prezos dos alugueiros e da venda está a expulsar a miles de familias traballadoras e á mocidade da súa propia cidade”.
O portavoz nacionalista criticou que, a pesar dos acordos plenarios para frear o aumento dos alugueiros e facilitar o acceso social á vivenda, “o Goberno local non realizou ningunha actuación concreta”, como recoñeceu esta mañá a concelleira de Urbanismo, María José Caride, en resposta a unha interpelación do BNG.
O BNG subliña que a creación da Axencia é un paso imprescindíbel para impulsar un parque de vivenda pública na cidade e evitar que proxectos como as 27 vivendas de Esturáns ou as 200 previstas en Santa Cristina acaben en mans de fondos voitre ou cunha xestión privatizada. “Sería un erro gravísimo reproducir en Vigo o nefasto modelo privatizador que aplicou o PP en Madrid. A vivenda pública debe ser promovida e xestionada desde o ámbito público”, insistiu Igrexas.
A proposta do BNG chega nun contexto de emerxencia habitacional, con máis de 5 mil persoas demandantes de vivenda protexida en Vigo e apenas 62 vivendas construídas pola Xunta do PP nos últimos 15 anos. Diante disto, e ante os millonarios remanentes municipais dos que presume estes días Caballero, o BNG propón destinar un mínimo de 25 millóns de euros dos mesmos para capitalizar a Axencia Local de Vivenda Protexida e Social. “É hora de que o Concello dea pasos decididos para garantir o dereito das viguesas e vigueses a unha vivenda digna”, concluíu o portavoz.