O BNG de Vigo lamenta que PP e PSOE impedisen un acordo unánime esixindo explicacións e responsabilidades á RFEF polo Mundial

A fronte nacionalista defendeu no Pleno que se esixan máxima transparencia e depuración de responsabilidades polas irregularidades detectadas na baremación da RFEF
Xabier P. Igrexas: “PSOE e PP prefiren o ruído que un acordo en chave de cidade, uns utilizando este escándalo para tentar cargar contra a Xunta e outros insistindo en poñer en dúbida a candidatura de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego lamenta que os grupos municipais do PP e do PSOE no Concello de Vigo rexeitasen, hoxe no Pleno, a emenda formulada pola fronte nacionalista ás súas mocións para lograr un acordo unánime esixindo que se se fagan públicas as valoracións e criterios técnicos que excluíron a candidatura de Vigo como sede do Mundial de fútbol de 2030, así como que se depuren responsabilidades pola xestión da Federación Española de Fútbol no proceso de de baremación.
“Preferiron as súas mocións de parte, deseñadas para evitar que outros grupos as puidesen apoiar, que lograr un acordo unánime en nome da cidade”, reprochoulles a populares e socialistas, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
A emenda nacionalista recollía un único acordo “claro e rotundo”: “Esixir da Real Federación Española de Fútbol que faga públicas coa máxima transparencia as baremacións e os criterios técnicos e obxectivos nos que se basearon para determinar a proposta de sedes no Estado para a celebración do mundial 2030, da que fica excluída Vigo, e que se depuren responsabilidades polas graves irregularidades no proceso que veñen de ser coñecidas publicamente”.
Igrexas expresou a súa sorpresa porque, malia as intervencións de PSOE e PP, en ningunha das súas mocións se incluíse expresamente a petición de depuración de responsabilidades diante das graves irregularidades no proceso de avaliación de candidaturas que teñen transcendido publicamente. No entanto, o BNG non se opuxo á aprobación de ningunha das dúas mocións, absténdose en ambos os casos.
“PSOE e PP prefiren o ruído a un acordo en chave de cidade, uns utilizando este escándalo para tentar cargar contra a Xunta e outros insistindo en poñer en dúbida a candidatura de Vigo”, afeou o edil nacionalista, lamentando que o “pimpampum partidista” acabe por desviar o debate do verdadeiramente importante.
Silencio inaceptábel
Igrexas volveu cualificar de “moi graves e moi preocupantes” as informacións publicadas desde o pasado luns, afirmando que “ou estamos diante dunha chapuza de nivel olímpico ou dun novo exemplo de pura cacicada no mellor estilo Louzán”.
A este respeito, desde o BNG criticaron que nos últimos sete días o presidente da RFEF non dese ningunha explicacións e optase por alimentar a confrontación institucional co Concello. “O silencio de Louzán é absolutamente inaceptábel”, proclamou o portavoz nacionalista. Para Igrexas este escándalo é unha evidencia máis da necesidade de “limpeza a fondo” na Federación española de fútbol.
Transparencia
Desde a fronte nacionalista demandaron tamén ao Goberno municipal un exercicio adicional de transparencia, para aclarar calquera dúbida sobre a proposta de Vigo para ser sede mundialista, e propuxéronlle ao alcalde facer pública toda a documentación do dossier da candidatura viguesa diante das críticas de posíbeis carencias esgrimidas polo Partido Popular e a RFEF.
Igrexas lembrou que desde que en xullo de 2022 Abel Caballero anunciara a pretensión de optar a ser sede do Mundial 2030, nunca se deu ningunha información ao Pleno. “Coñecemos máis sobre a candidatura estes días lendo a prensa que pola información oficial do Concello”, asegurou.