O BNG alerta de que Vigo non contou con bombeiros suficientes durante o incendio no Punto Limpo

Incendio Punto Limpo Vigo
Incendio Punto Limpo Vigo

A fronte nacionalista denuncia que o corpo viu “comprometida” a súa resposta por ter este pasado domingo só 15 efectivos dos 20 fixados como mínimo para garantir a seguridade

Demanda que se informe das causas, de cal foi o operativo, de se estaba presente algún membro do Goberno local e de se o lume provocou emisións contaminantes ou tóxicas

Xabier P. Igrexas: “Que tería pasado na cidade se este domingo houbese algunha outra situación de emerxencia que precisase da actuación do persoal de bombeiros?”

O BNG alerta de que Vigo non contou con bombeiros suficientes durante o incendio no Punto Limpo

O Bloque Nacionalista Galego alerta de que Vigo non contou con bombeiros suficientes durante o incendio rexistrado este domingo no Punto Limpo, situado no polígono do Caramuxo. A fronte nacionalista denuncia que o corpo tivo este pasado domingo só con 15 dos 20 efectivos fixados como mínimo para garantir a seguridade.

“Esta situación comprometeu a capacidade operativa e provocou o sobreesforzo dos efectivos que interviñeron na extinción, demorando varias horas en lograr controlar un lume que afectaba unha nave na que se almacenan diferentes materiais, moitos deles de alta carga inflamábel”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Diante desta situación, o Bloque vén de reclamar ao Goberno municipal que informe de maneira detallada do operativo, así como das causas do incendio e se este provocou emisións contaminantes ou tóxicas. Ademais, Igrexas pediu que se confirme se estaba presente algún responsábel municipal, e singularmente a concelleira de Seguridade, ante a falla de constancia de que acudise ao lugar dos feitos algún membro do Goberno local.

O voceiro nacionalista chamou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a abrir unha “profunda reflexión” despois do acontecido, e tras máis de cinco anos con denuncias do propio persoal pola falla de efectivos. “Que tería pasado se este lume tivera ocorrido nalgunha das calorosas xornadas de verán en lugar de nun día de choiva a última hora ou se houbera algunha outra situación de emerxencia que precisase dos bombeiros nese momento?”, cuestionou.

Igrexas urxiu o Goberno de Caballero a atender dunha vez por todas as demandas do persoal diante do “grave” problema que padece o servizo polo número insuficiente de efectivos que, a xuízo das nacionalistas, está derivado da “nefasta” xestión do Concello. “Non podemos continuar cun servizo de bombeiros que non está á altura das necesidades dunha cidade de 300 mil habitantes”, remachou. 

O BNG alerta de que Vigo non contou con bombeiros suficientes durante o incendio no Punto Limpo