O BNG reivindica en Vigo polo Día da Patria "soberanía e dereitos para Galiza nun mundo en paz"

A fronte nacionalista celebra un acto comarcal no parque forestal de Beade como evento central da campaña cara ao 25 de xullo baixo o lema ‘Somos Nación’

O BNG reivindica en Vigo polo Día da Patria "soberanía e dereitos para Galiza nun mundo en paz"

O Bloque Nacionalista Galego reivindicou este sábado “soberanía e dereitos para Galiza nun mundo en paz” nun acto en Vigo co gallo do Día da Patria Galega. A fronte nacionalista celebrou no parque forestal de Beade o evento central da comarca, no marco da campaña ‘Somos Nación’ que terá como colofón a manifestación nacional en Santiago de Compostela o 25 de xullo.

“Non faltan recursos, o que nos falta é poder político para decidir como utilizalos e para iso debe servir a soberanía”, defendeu a responsábel nacional de Organización do BNG, Lucía López, que interveu no acto canda o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas; o responsábel comarcal, Manuel Caride; a deputada no Parlamento galego e responsábel local, Carmela González; e o responsábel comarcal de Galiza Nova, Diego García.

López salientou que soberanía é “falar das cousas de comer”, de como mellorar a vida das galegas e dos galegos, en lugar dun “concepto abstracto ou un capricho ideolóxico” como reducen as forzas estatais. “Aí está a reflexión: se queremos seguir aceptando que outros decidan permanentemente por nós ou se queremos asumir a responsabilidade de tomar as rendas do noso propio futuro”, subliñou.

A responsábel de Organización do Bloque puxo o exemplo dos cartos que Galiza achega ao Estado, arredor de 15.000 millóns de euros vía impositiva, mentres o retorno é tan só de 10.000 millóns. Ou dos recursos enerxéticos, con Galiza asumindo os impactos ambientais mentres o groso dos beneficios marchan fóra pola complicidade de PP e PSOE coas grandes empresas eléctricas.

Un novo Vigo para unha nova Galiza

xpi beade_

En chave local, o portavoz municipal e candidato á Alcaldía do BNG, Xabier P. Igrexas, salientou a soberanía como unha ferramenta chave para Vigo. “Para que as decisións sobre o noso porto pesqueiro, o máis importante de Europa, non se tomen a 600 quilómetros mar adentro”, exemplificou. E para que as prioridades da cidade “non se subordinen ás prioridades de Madrid” como na conexión ferroviaria con Porto, a posta en marcha da rede de cercanías ou a mellora da Media Distancia.

Igrexas contrapuxo as visións “hiperlocalistas que nos empequenecen e amurallan” coa reivindicación nacionalista que “afirma con orgullo que sermos vigueses e viguesas é o xeito de sermos galegas e galegos en Vigo”. Afirmou que “o mellor Vigo aínda está por construír xuntas e xuntos para empurrar esa nova Galiza que soñamos”, facendo referencia ás vindeiras eleccións municipais de 2027.

O candidato nacionalista en Vigo asegurou que estes comicios, para os que quedan 309 días, serán unha “oportunidade” para decidir o futuro da cidade entre “un Abel Caballero esgotado na inercia do máis do mesmo e un PP que nada lle pode ofrecer á cidade”. Fronte a isto, salientou que “hai alternativa” arredor do proxecto transformador e en positivo do BNG para “construír un Novo Vigo”.

Pola paz e a soberanía dos pobos

A campaña do Bloque enfócase tamén na defensa da paz e dun mundo máis xusto,  pola soberanía e a solidariedade entre os pobos. O responsábel comarcal do BNG, Manuel Caride, subliñou que o non á guerra do nacionalismo é “unha resposta antiimperialista e antimilitarista fronte á onda belicista e reaccionaria”.

Reivindicou nese sentido a multitudinaria manifestación decorrida en Vigo o pasado 30 de maio en resposta ao desfile das Forzas Armadas. Acusou de “cinismo extremo” a posición do Estado español por incrementar o gasto militar nun 14% nos últimos 8 anos mentres defende un discurso contraria á guerra.

Manifestación masiva o 25 de xullo

carmela_A responsábel local do Bloque e deputada no Parlamento galego, Carmela González, fixo pola súa banda un chamamento a que todas as viguesas e vigueses enchan as rúas de Compostela o 25 de xullo (ás 12h dende a Alameda) para “mostrar a forza do noso pobo e para berrar que Galiza é unha nación e que queremos decidir o noso futuro”.

Animou tamén a pendurar as bandeiras da Patria nas xanelas e balcóns como mostra de orgullo e compromiso con Galiza.

Futuro para a mocidadediego_

De por parte, o responsábel comarcal de Galiza Nova, Diego García, destacou o intenso traballo da organización xuvenil para defender un futuro para a mocidade galega.

“Estamos fartas de máis do mesmo, de non poder estudar en galego no sistema público, de encadear contratos precarios que nos afogan e duns prezos da vivenda totalmente fóra do noso alcance”, denunciou García.

O BNG reivindica en Vigo polo Día da Patria "soberanía e dereitos para Galiza nun mundo en paz"