O BNG critica a proxección da imaxe de Abel Caballero no concerto de Guetta coa mensaxe ‘O mellor alcalde do mundo’
A fronte nacionalista esixe aclarar se o gabinete de Alcaldía ou outro departamento municipal deu instrucións para este novo uso propagandístico dos concertos da cidade
Xabier P. Igrexas: “O Goberno local cruzou unha nova liña vermella nesa permanente política de culto ao ego imperial do rexedor de Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego critica a proxección da imaxe do alcalde de Vigo, Abel Caballero, baixo o rótulo ‘O mellor alcalde do mundo’ durante o concerto de David Guetta celebrado este pasado domingo. Así, a fronte nacionalista esixe que o Goberno municipal aclare se o gabinete de Alcaldía ou outro departamento do Concello deu instrucións para este novo uso propagandístico dos concertos da cidade.
“Os grandes concertos de verán, as festas que pagamos todas as viguesas e vigueses con diñeiro público, non poden ser utilizadas como grande escenario para o ego imperial de Abel Caballero”, afeou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lamentou que estas prácticas do rexedor se veñan repetindo ano tras ano nas actuacións en Castrelos, incluso asegurando por contrato a súa intervención como teloneiro.
Igrexas cualificou de “bochornoso” e “inaceptábel” que se proxectase na pantalla xigante do auditorio, pouco antes do inicio da actuación, a chegada do alcalde á platea cunha mensaxe sobreexposta sobre a bandeira de Vigo autoproclamándoo como ‘mellor alcalde do mundo’.
“É unha burda utilización propagandística nesa campaña permanente de culto á personalidade, na que Caballero confunde a institución co seu partido e reduce a cidade á súa propia persoa”
Diante deste novo exemplo, o portavoz nacionalista insistiu na necesidade de que o Goberno local explique quen deu indicación para realizar esa proxección. Nese sentido, reclamou tamén poñer fin á continua utilización do Concello de Vigo como soporte para a publicidade do alcalde e do Goberno socialista.