O BNG demanda información sobre o posíbel traslado da Escola Infantil Municipal ‘Santa Marta’
A fronte nacionalista formulará unha pregunta no Consello da Xerencia de Urbanismo e dirixirá un escrito ao concelleiro de Educación para aclarar esta cuestión.
Xabier P. Igrexas: “Calquera traslado debera esperar a ter unha alternativa xa preparada para garantir as mellores condicións ás crianzas”.
O Bloque insta, ademais, a aumentar a oferta de prazas nesta escola na que este curso houbo 114 solicitudes e só 45 a obtiveron.
Diante das informacións, sen confirmar, que circulan nos últimos días a respeito do eventual traslado da Escola Infantil Municipal ‘Santa Marta’, no Casco Vello, para facilitar a derruba do actual edificio situado nas inmediación do ámbito do Barrio do Cura, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar que o Goberno municipal informe sobre esta cuestión.
O concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, anunciou esta mañá que dirixirá un escrito ao concelleiro de Educación e formulará unha pregunta no Consello da Xerencia de Urbanismo que se celebrará mañá martes. “Hai unha importante preocupación tanto na comunidade educativa como na veciñanza do Casco Vello, e o BNG queremos que se aclare se hai un proxecto de traslado, e que detalle con que motivo e en que condicións, e tamén se existe previsión de derruba do actual edificio da escola infantil”, afirmou.
O portavoz municipal nacionalista demandou transparencia e defendeu o criterio de que “calquera traslado debera esperar a ter unha alternativa xa preparada para garantir as mellores condicións ás crianzas”. Neste sentido, advirte de que un traslado provisional o único que producirá será incomodidade e incerteza.
Desde o Bloque lembran ademais de que é un compromiso do actual Goberno municipal de Abel Caballero diante das propias familias de que non ía haber traslado até contar cunha nova escola.
Necesidade de máis prazas
Aliás, as nacionalistas demandan que unha futura nova escola infantil municipal no Casco Vello conte cun maior número de prazas para atender a elevada demanda. “Este curso houbo 114 solicitudes de praza nesta escola infantil e só 45 crianzas a lograron. Seis de cada dez quedaron fóra”, subliñou Igrexas.