O BNG denuncia no Pleno de Vigo que o Goberno de Caballero deixou 137 millóns sen gastar en 2025
A fronte nacionalista critica un novo exercicio marcado pola inexecución orzamentaria, no que 8 de cada 10 euros destinados a investimentos “quedaron no papel”
Xabier P. Igrexas: “Non é aforro, é falla de xestión e necesidades desatentidas, recursos da cidade que non retornan ás viguesas e vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou este luns no Pleno de Vigo que o Goberno de Abel Caballero deixou case 137 millóns de euros sen gastar, dun presuposto total de 420 millóns, durante o último ano 2025. A fronte nacionalista criticou un novo exercicio marcado pola inexecución orzamentaria, no que 8 de cada 10 euros destinados a investimentos “quedaron no papel”.
“A inexecución non é aforro, é falla de xestión”, cuestionou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, durante o debate plenario sobre a liquidación do orzamento municipal. “Son recursos da cidade que fican sen retornar ás viguesas e vigueses en forma de servizos, son millóns de necesidades desatendidas”, lamentou.
Subliñou que estes datos son unha “radiografía do desgoberno” do actual Goberno municipal, aos que sumou os case 500 millóns sen executar dende o ano 2019. “Son un nova remesa que se amorea nas toneladas de anuncios de tornan en promesas incumpridas”, censurou Igrexas.
No capítulo relativo a persoal, o portavoz municipal nacionalista afeou que quedaron 14 millóns sen gastar cando o Concello ten máis de 300 prazas de traballadoras e traballadores municipais sen cubrir, mentres avanza a “privatización”. Unha situación que, advertiu, ten “estrangulados” moitos servizos básicos como o Padrón, onde cada día se rexistran “agónicas esperas” de ducias de veciñas e veciños.
Sen gasto en vivenda
Igrexas cargou contra as políticas de anuncios en materia de vivenda, que cualificou como o “principal problema social” en Vigo. Nese sentido, alertou de que non se executou “nin un só euro” en proxectos como as vivendas de Esturáns, o programa de adquisición de baixos, as axudas para adecuación de vivendas para alugueiro social ou a Empresa Municipal de Vivenda, aínda sen constituír. “Dato mata relato”, reprochou.
Dende o Bloque acusaron tamén o Goberno de Caballero de “virar as costas” á realidade social e laboral, con 7.000 persoas ocupadas menos que no ano 2009, segundo datos da EPA. Do Plan Municipal de Emprego, alertan, quedou sen gastar o 30%. Aliás, o voceiro nacionalista denunciou que, malia o crecente empobrecemento, o pasado ano quedaron sen executar 258.000 euros dos 1,3 millóns destinados a axudas sociais.
Puxo o foco no capítulo de investimentos, “onde máis se lle ven as costuras a este desgoberno”, no que só se gastaron 28 dos 122 millóns comprometidos durante 2025. Un total de 17 proxectos de humanización non se iniciaron. E no relativo a infraestruturas só acadou un gasto do 17%.
Para o BNG esta liquidación orzamentaria “demostra como insisten no abandono dos barrios e parroquias”, revelando que do plan de beirarrúas só se executaron 15.000 euros e do plan de renovación de firmes cero euros, malia o “escalextric de fochancas” que afecta a numerosas rúas da cidade.
Na mesma liña, nas partidas para o plan de Igualdade ou para normalización lingüística apenas se executou a metade, mentres que outros proxectos como o Arquivo Pacheco ou a prometida biblioteca de Teis non tiveron gasto durante o último ano.