O BNG emenda a suba xeral dos impostos de Caballero para reducir a carga dos fogares con menos recursos en Vigo

Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista formula 63 emendas parciais ás ordenanzas fiscais para 2024, apostando por avanzar cara a unha “fiscalidade máis xusta” no actual contexto de crise

Propón exencións e bonificacións das principais taxas municipais, poñer fin á “estafa” da tarifa da auga así como maior presión fiscal para grandes empresas e pisos turísticos

Xabier P. Igrexas: “Non hai ningunha necesidade de carácter económico financeiro no Concello que xustifique obrigar as viguesas e vigueses a facer un maior esforzo”

O BNG emenda a suba xeral dos impostos de Caballero para reducir a carga dos fogares con menos recursos en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego vén de formular 63 emendas parciais ás ordenanzas fiscais propostas polo Goberno municipal de Vigo para o ano 2024. A fronte nacionalista rexeita así a suba xeral do 4% defendida por Abel Caballero e aposta por reducir a carga dos fogares con menos recursos con exencións e bonificacións das principais taxas municipais de como mínimo un 50% no recibo do IBI, no imposto de circulación, no recibo do lixo e nas escolas municipais e instalacións deportivas. Do mesmo xeito, chama a reducir a presión para as asociacións e entidades sen ánimo de lucro.

“Con estas emendas queremos avanzar cara a unha fiscalidade municipal que sexa socialmente xusta, facendo que pague menos quen menos ten”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “inxustificado” o incremento xeral dos impostos cando o Concello conta con recursos “máis que suficientes”.

Igrexas reprochou que, no actual contexto de grave crise social derivada da inflación e do empobrecemento dos salarios, o Goberno municipal queira “obrigar” as viguesas e vigueses a facer un maior esforzo fiscal. “Non hai ningunha necesidade de carácter económico financeiro que xustifique esta suba, máis cando o ano pasado se deixaron 152 millóns de euros sen executar dos orzamentos”, subliñou.

Medidas fiscais polo acceso á vivenda

O portavoz nacionalista destacou a urxencia de actuar, tamén a través de medidas fiscais, para solucionar o “grave problema” de acceso á vivenda en Vigo. Nese sentido, o BNG propón recargar nun 95% o IBI para as vivendas desocupadas (máis de 20 mil na cidade segundo os últimos datos do INE) e, por outro lado, aplicar unha bonificación do 95% para aquelas vivendas que se poñan a disposición de programas de vivenda social, co fin de mobilizar ese “inmenso” número de vivendas baleiras. E diante da proliferación de vivendas turísticas, as nacionalistas piden aumentar nun 25% o imposto sobre estes inmóbeis.

Maior presión a grandes empresas

Co obxectivo de compensar as bonificacións e exencións para as persoas e familias con menores recursos, dende o Bloque defenderon un incremento dun 15% do Imposto de Actividades Económicas (IAE) para aquelas empresas que facturan máis de 1 millón de euros. Na mesma liña, chamaron a recargar a “lacra” das casas de apostas e similares, e as taxas por uso da vía pública por parte das entidades financeiras.

Servizo Axuda no Fogar

Igrexas censurou a pretensión do Goberno municipal de obrigar ao pago dunha cota a persoas usuarias do Servizo Axuda no Fogar (SAF) con ingresos inferiores ao IPREM. Unha medida “incomprensíbel”, criticou o voceiro nacionalista, que demandou manter a gratuidade deste servizo “esencial” para as persoas de baixos ingresos, tal como se viña facendo en exercicios anteriores.

Fin da “estafa” da tarifa da auga

Dende o BNG defenderon como un dos aspectos centrais das súas emendas avanzar cara á fin da “estafa” da tarifa da auga cun novo modelo integral de xestión, que a considere como un ben público, e cun sistema de tarifas socialmente máis xusto. Nesa liña, propoñen un desconto do 20% para aqueles fogares con consumos inferiores aos 3 metros cúbicos por persoa e mes, ademais da exención para persoas perceptoras de axudas sociais como PNC, RAI, Risga ou IMV que permitan garantir o acceso universal á auga.

Apoio do deporte de base

Entre as medidas de apoio ao tecido asociativo, o portavoz nacionalista demandou a gratuidade das taxas municipais para uso das instalacións deportivas para aqueles clubs con contratos de tempada. Unha exención, asegurou Igrexas, que suporá un “importante alivio” económico e permitirá fomentar o deporte de base.

Conxelación do billete de bus

A fronte nacionalista demandou tamén a conxelación do prezo do billete do servizo de autobús urbano. No caso dos bonos estudante e social, reclamou que se equiparen ao prezo do bono universitario, mentres que para as persoas desempregadas e en situación de vulnerabilidade piden a gratuidade do billete como no caso das persoas pensionistas. 

CONSULTA AS EMENDAS DO BNG ÁS ORDENANZAS FISCAIS DO CONCELLO DE VIGO 2024

O BNG emenda a suba xeral dos impostos de Caballero para reducir a carga dos fogares con menos recursos en Vigo