O BNG esixelle á Xunta que actúe diante da situación lamentábel do Conservatorio Superior de Música de Vigo
A deputada, Alexandra Fernández, reclamará a través unha iniciativa parlamentar a reforma integral das dependencias do conservatorio para poñer fin ás graves deficiencias que fan “impracticábel” a docencia musical .
A fronte nacionalista pide tamén que o Concello de Vigo atenda as demandas do alumnado no que ten a ver coa mellora dos accesos e a conexión por transporte urbano.
O Bloque Nacionalista Galego urxe a reforma integral do Conservatorio Superior e Música de Vigo que padece un “estado lamentábel de falla de conservación”, con graves problemas de humidades e filtracións de auga. A fronte nacionalista promoverá unha iniciativa no Parlamento galego, diante da “inoperancia” do Goberno galego, que leva anos a desatender as denuncias do alumnado.
Así o anunciou esta mañá en Vigo a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, após manter un encontro con representantes do alunado. Na xuntanza, na que tamén participou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, as estudantes trasladaron en detalle as penosas condicións que levan denunciando nas que teñen que desenvolver a súa formación. Pingueiras, instrumentos estropeados e con presenza de insectos, aulas fechadas por risco de derruba, emperaturas xélidas que impiden a práctica con instrumentos, e mesmo a falla de insonorización son padecidas decote.
Fernández criticou que a resposta dada por parte da Xunta teña sido até o momento “pequenos parches”, a pesar das “promesas propagandísticas” ofrecidas pola daquela Delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, nunha visita que realizou ao centro meses antes das eleccións galgas. A deputada nacionalista advertiu ademais de que as partidas recollidas nos orzamentos da Xunta para 2021 son “totalmente insuficientes” para atender as necesidades dun centro que o que precisa é, segundo subliñou, unha “reforma integral”.
Desde o BNG cargaron tamén con que a situación do centro sexa a escusa utilizada pola propia administración galega para non investir na necesaria renovación de instrumentos e de material informático obsoleto. Aliás, Fernández lamentou a “falla de vontade política” da Xunta para permitir a emisión do suplemento europeo a titulación cursada no conservatorio superior, e que está interrompida desde hai meses por un suposto “problema informático”.
Desleixo municipal
Ademais, o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, afeou o “desleixo municipal” con este centro e reclamou que o Goberno local atenda as peticións feitas polo alumnado en diferentes ámbitos que son competencia do Concello de Vigo. No concreto, Igrexas, defendeu como “fundamental” que se reforme a rúa Manuel Olivié, que presenta un estado de abandono que fai inseguro o tránsito peonil até o conservatorio, que se reforce o alumeado pública nesa contorna, que se mellore o acceso a través de transporte público e se facilite o aparcamento.
O portavoz municipal nacionalista volveu reiterar a petición de que se equipare a tarifa do bono do bus urbano de estudantes co do universitario, tal e como demanda tamén o alunado de formación profesional. Unha reivindicación inda máis motivada dado que os estudos superiores do conservatorio están equiparados con ensinanzas universitarias. “Non ten sentido que estudantes do conservatorio ou dun ciclo de formación profesional teñan que pagar máis caro o bus que un estudante da UVigo”, remachou.