O BNG esixirá no Parlamento galego o instituto público para o barrio de Navia
A deputada, Alexandra Fernández, defenderá unha batería de iniciativas para que o Goberno galego atenda esta reivindicación veciñal.
Xabier P. Igrexas: “É inaceptábel que se estudas na pública teñas que desprazarte 10 quilómetros, e se te matriculas nun coñecido colexio privado vaias ter praza a poucos minutos”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de anunciar que levarán ao Parlamento galego a esixencia dun compromiso efectivo da Xunta de Galiza para a construción dun novo instituto no barrio de Navia, en Vigo. A deputada, Alexandra Fernández, defenderá que se atenda esta longa reivindicación veciñal a través dunha batería de iniciativas e tamén no proceso de emendas aos orzamentos da Xunta.
En rolda de prensa, na que compareceu canda o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, Fernández lamentou que quince anos despois do desenvolvemento do PAU de Navia este populoso barrio da cidade de Vigo continúe sen unha dotación esencial como un instituto. Un feito que supón un claro prexuízo para o barrio, xa que implica que o estudantado teña que trasladarse 10 quilómetros até o IES de Valadares, e está a reducir a matriculación no CEIP Castelao, de titularidade pública, en beneficio dun centro privado-concertado que si está adscrito aos institutos de Coia.
A deputada nacionalista advertiu que o déficit dotacional de Navia agravarase co desenvolvemento do Plan Parcial que prevé 1.600 novas vivendas, polo que reclamou que se actúe para dotar o barrio dos servizos que precisa, a principiar polo instituto.
Aliás, Fernández, cualificou de “irracional” a pretensión da Xunta de Galiza de poñer en marcha un novo instituto nos edificios xudiciais da rúa Lalín, cando estes se trasladen á nova Cidade da Xustiza. “Non ten sentido construír un novo instituto nese lugar, cando a pouco máis dun quilómetro xa hai tres centros públicos de secundaria (os IES Santa Irene, Santo Tomé e Politécnico), e ao tempo se lle negue o instituto que precisa Navia”, afirmou.
Emporiso, a fronte nacionalista promoverá unha batería de iniciativas no Parlamento galego e incluirá, novamente, esta cuestión nas emendas ao proxecto de orzamentos da Xunta par ao vindeiro ano 2021 onde non se recolle partida para esta obra.
Cinismo
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou o cinismo do Partido Popular en relación ao novo instituto, lembrando que foi prometido durante a campaña das pasadas eleccións galegas.
“O pasado 17 de novembro, Feixóo fixo unha nova excursión propagandística a Navia coa escusa de volver presentar o Plan Parcial. Alí falou de todo. Das 1.600 novas vivendas, das zonas verdes e até do carril bici. Pero do que non dixo unha soa palabra foi do novo instituto”, cuestionou.
Igrexas subliñou que a actual situación prexudica gravemente o estudantado do ensino público en beneficio do privado-concertado. “É inaceptábel que se estudas na pública teñas que desprazarte 10 quilómetros, e se te matriculas nun coñecido colexio privado vaias ter praza a poucos minutos”, afirmou.