CORONAVIRUS
O BNG leva ao Pleno de Vigo a esixencia de que se investigue o acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia
Xabier P. Igrexas: “Queremos saber en detalle que fallou para que non volva fallar. As familias merecen coñecer a verdade, para poder darlles xustiza e reparación.”
A fronte nacionalista reclama que se interveñan todos os centros e que avance cara un novo modelo de coidados e atención das persoas maiores para que deixe de ser “negocio para empresas amigas do PP”.
O Bloque Nacionalista Galego levará ao vindeiro Pleno do Concello de Vigo unha moción para esixir a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento de Galiza para aclarar o acontecido nas residencias de maiores durante a pandemia, depurar responsabilidades políticas e adoptar medidas correctivas.
A iniciativa nacionalista tamén reclama a inmediata intervención de todos os centros para dotalos dos medios necesarios para evitar que volva suceder o acontecido na primeira vaga do coronavirus. Aliás demandan que se avance na posta en marcha dun novo modelo de coidados e atención das persoas maiores desde o público.
O concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas, lembrou que no que vai de pandemia a área sanitaria de Vigo sufriu preto de 100 falecementos, na súa maioría producidos en residencias de maiores de titularidade privada, como a de DomusVi en Barreiro, onde as cifras oficiais rexistraron 32 decesos pero que o colectivo de familiares eleva até 47 (datos a 11 de setembro). Nese sentido, Igrexas, enfatizou que resulta “estarrecedor” o feito de que “en Galiza o 45% das mortes por coronavirus afectasen a persoas maiores en residencias, cando estas só representan un 3% da poboación”.
O portavoz municipal nacionalista denunciou que as persoas usuarias das residencias, e as súas familias, padeceron durante a primeira onda de contaxios a falla de medios materiais, a insuficiencia de persoal, a carencia de protocolos efectivos, a ausencia de soporte médico nos propios centros e a vulneración dos dereitos das familias a teren información e contacto cos seus seres queridos.
No entanto, Igrexas, quixo valorizar o esforzo realizado polo persoal, fundamentalmente traballadoras, que “malia as condicións de absoluta precariedade laboral e baixos salarios que padecen, puxeron o mellor de si propias para brindar a mellor atención que podían”. Unha laboral que para o nacionalista merece o maior dos recoñecementos a nivel social e institucional.
A moción do Bloque recolle as críticas e denuncias trasladadas reiteradamente nos últimos anos por parte de usuarias e familias a respeito dun modelo residencial que “trata as persoas como mercadorías, ao servizo do lucro de grandes empresas participadas por fondos de investimento, e que non lles garante a atención debida”.
Diante desta situación, proporán no pleno da corporación municipal, previsto para esta cuarta-feira, que o Concello de Vigo exprese a esixencia de que se poña en marcha no Parlamento de Galiza unha comisión de investigación, para aclarar o acontecido nas residencias, depurar responsabilidades e, sobre todo, estabelecer liñas de actuación que eviten que volva suceder no futuro. “Queremos saber en detalle que fallou para que non volva fallar. As familias merecen coñecer a verdade, para poder darlles xustiza e reparación”, sentenzou Igrexas, que criticou con dureza o veto co que a maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento de Galiza vén de impedir a creación desta comisión. “O PP converteu o seu rodete parlamentar nunha enorme alfombra de indignidade baixo a que agochar as responsabilidades da dramática situación vivida nas residencias de maiores”, afirmou.
Por outra parte, e diante dos datos preocupantes que volven aparecer en diferentes centros residenciais, o BNG insta a Xunta de Galiza a intervir de maneira inmediata todas as residencias para as poñer baixo control e supervisión pública co obxectivo de evitar que volvan converterse no principal foco de contaxios e mortes pola Covid19 nesta segunda onda.
Así mesmo, a iniciativa do Bloque demanda que se adopten todas as medidas necesarias para avanzar cara un novo modelo residencial, que pivote sobre o público, para garantir o dereito a unha vellez digna, e “que evite que un servizo de coidados siga a ser un negocio para empresas amigas do Partido Popular”.