O BNG de Vigo advirte de accións legais contra a sabotaxe do Goberno local na folga de limpeza municipal
A fronte nacionalista esixe que se depuren responsabilidades e avisa que non pode quedar impune a acción ilegal de ordear que outra concesionaria asumise as funcións deste servizo para limpar o Concello.
Xabier P. Igrexas: “Ou hai unha explicación clara ou o BNG entendemos que o concelleiro de Contratación, Javier Pardo, non pode permanecer un minuto máis no seu cargo”.
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo advirte de accións legais e xudiciais para impedir que a sabotaxe do Goberno local durante a folga indefinida da limpeza das dependencias municipais quede impune. A fronte nacionalista esixe explicacións e que se depuren responsabilidades pola acción ilegal de ordear que outra empresa concesionaria do Concello asumise as funcións deste servizo para limpar a casa consistorial.
“O goberno de Abel Caballero vén de cruzar o Rubicón tentando dinamitar o exercicio dun dereito fundamental como o de folga a través dunha actuación abertamente ilegal”, denunciou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que cualificou de “rotunda e inaceptábel tomadura de pelo” a resposta do Goberno local, atribuíndo a un erro dun traballador municipal este acto de “esquirolaxe institucional”.
Diante destes feitos, Igrexas anunciou que os servizos xurídicos do Bloque están a avaliar a posibilidade de iniciar accións legais.
“O BNG en Vigo non somos partidarios de xudicializar a política, mais desde logo non podemos permitir que o goberno de Abel Caballero actúe con absoluta impunidade, incumprindo reiteradamente a legalidade vixente, e vulnerando os dereitos do persoal de servizos de titularidade municipal”, destacou o edil nacionalista.
Nesa liña, o concelleiro do BNG reclamou na Comisión Informativa de Contratación celebrada este mércores depurar responsabilidades políticas. “Ou hai unha explicación clara ou o BNG entendemos que o concelleiro de Contratación, Javier Pardo, non pode permanecer un minuto máis no seu cargo”, advertiu.
Igrexas reiterou a esixencia de que o goberno de Abel Caballero desista na súa “actitude antisindical”, lembrando que o Concello leva meses consentindo graves incrumprimentos da concesionaria do servizo, Urbaser, tanto do prego do servizo de limpeza de dependencias municipais como do convenio colectivo. Ademais, criticou as continuadas negativas do Goberno local a recibir o Comité de Empresa, malia ter solicitado até 15 reunións para abordar o conflito laboral.