O BNG de Vigo esixe a anulación das licenzas do pelotazo urbanístico en Cabo Estai
A fronte nacionalista reitera esta demanda após o “demoledor e incontestábel” informe emitido polo Secretario Xeral do Pleno que determina a ilegalidade das actuacións, denunciadas durante meses pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia e polo propio Bloque
Xabier P. Igrexas: “O BNG non imos permitir que se decida o urbanismo da cidade en función dos apelidos de ninguén nin tolerar que o Goberno de Abel Caballero insista en incumprir a legalidade”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo esixe a anulación das licenzas urbanísticas para a construción de novos chalés en Cabo Estai en primeira liña de costa. A fronte nacionalista reitera esta demanda após o “demoledor e incontestábel” informe emitido polo Secretario Xeral do Pleno que determina a ilegalidade das actuacións, denunciadas durante meses pola Asociación Veciñal de San Miguel de Oia e polo propio Bloque.
“O BNG levamos advertindo dende o 21 de abril do pasado ano da manifesta ilegalidade que se estaba a a acometer na nova urbanización en Cabo Estai”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou que nese momento xa solicitara formalmente á Xerencia Municipal de Urbanismo a suspensión cautelar das obras até que se resolveran as “evidentes irregularidades” sobre o proxecto.
Igrexas interpelou este martes á edil de Urbanismo, María José Caride, para que aclarase se vai proceder á revisión destas licenzas “ilegais”, tal como vén de sinalar o máis alto funcionario do Concello. “O informe da Secretaría Xeral constata a ilegalidade tanto da parcelación como do novo vial executado, autorizados de maneira contraria a dereito por Caride, e que eran a condición de posibilidade para a construción de 6 novos chalés a escasos metros do mar, nun espazo que o novo PXOM pretende protexer polo seu elevado valor ambiental”, denunciou.
O concelleiro nacionalista cualificou de “insultante” a defensa da responsábel de Urbanismo, que afirmou que este informe, solicitada polo Bloque xunto co resto de forzas políticas da oposición, era a primeira advertencia sobre a ilegalidade deste proxecto en Cabo Estai
“A resposta ofrecida por Caride é tan preocupante como inaceptábel”, reprochou após as continuas denuncias e mobilizacións veciñais e tamén por parte do BNG na Xerencia. Así, sinalou que son “numerosos” os indicios de irregularidades que foron gañando en “intensidade e claridade” durante os últimos meses. Entre eles, a incoación dun expediente por parte Axencia da Protección da Legalidade Urbanística (APLU) e as recentes investigacións abertas pola Fiscalía. “Como dixemos hai apenas uns días algo cheira a podre nesta argallada urbanística”, alertou Igrexas.
Advertencia
O edil do Bloque criticou que a concelleira de Urbanismo se limitara a sinalar que se vai acordar unicamente a suspensión cautelar das licenzas e que os servizos técnicos da Xerencia estudarán o informe, mais insistindo na legalidade das actuacións. “Diante desta resposta evasiva, o BNG advertimos tanto a Caride como ao alcalde, Abel Caballero, que é un delito actuar a sabendas contra a legalidade nunha decisión administrativa”, polo que dixo esperar que o Goberno municipal “rectifique e anule as licenzas ilegais”.
Dende a fronte nacionalista aseguraron que esperan que o Goberno municipal obre en consecuencia en lugar de tentar “xustificar ou encubrir” as ilegalidades. “O BNG non imos tolerar que se decida o urbanismo da cidade en función dos apelidos de ninguén”, remachou Igrexas, que avanzou que van exercer todas as accións políticas, administrativas e mesmo xudiciais para acabar coa “barra libre urbanística en favor duns poucos”.