O BNG de Vigo denuncia que o Concello deixou 23 colexios públicos sen persoal de portaría e vixilancia
A fronte nacionalista esixe ao concelleiro de Educación, Gorka Gómez, que actúe para corrixilo inmediatamente.
Xabier P. Igrexas: “Ocasiona un grave prexuízo ao funcionamento dos colexios públicos porque obriga ao profesorado a teren que asumir, de maneira precaria e improvisada, as funcións propias de conserxaría”
O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Concello de Vigo deixou 23 colexios públicos sen persoal municipal de portaría e vixilancia desde o pasado 1 de decembro. A fronte nacionalista esixe ao concelleiro de Educación, Gorka Gómez, que actúe para corrixilo con carácter urxente debido ao “grave prexuízo” que supón esta eiva para o funcionamento dos centros.
“Esta situación inaceptábel está obrigando ao profesorado e ao persoal de dirección dos diferentes colexios públicos a teren que asumir, de maneira improvisada, precaria e como sobrecarga, as funcións propias de conserxaría”, subliñou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que chamou a tomar desde o Concello todas as medidas necesarias para garantir no inmediato a reposición deste persoal esencial.
O candidato nacionalista afeou que nin a comunidade educativa nin os centros afectados teñan unha previsión oficial para a volta deste persoal de portaría e vixilancia.
“Non podemos permitilo, menos nun contexto de pleno inverno onde temos que asegurar o correcto funcionamento dos sistemas de calefacción e o debido mantemento das instalacións”, reprochou Igrexas.Cuestionou que o goberno de Abel Caballero estime solucionar esta carencia dentro de tres meses, en febreiro, prazo trasladado de maneira informal aos propios centros de ensino