O BNG de Vigo reclama que o Concello se posicione na Fegamp en contra das VTC na cidade

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Demanda por escrito ao alcalde que “corte o paso” a realizar transportes urbanos de empresas transnacionais como Uber, que opera de forma “pirata” en Vigo dende xuño

Esixe da Xunta que anule as autorizacións por “incumprir a lei e falsear as licenzas”

Xabier P. Igrexas: “A política de brazos caídos do Goberno de Caballero e o lavado de mans do Goberno galego do PP están a abandonar e castigar o sector regulado do taxi”

O BNG de Vigo reclama que o Concello se posicione na Fegamp en contra das VTC na cidade

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama que o Concello de Vigo se posicione en contra de que empresas VTC, como Uber, poidan realizar transportes urbanos na cidade de cara á reunión, prevista este martes, xunto cos concellos da Coruña e Compostela coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para abordar esta problemática.

Así o vén de trasladar o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, nun escrito dirixido o alcalde de Vigo, Abel Caballero, no que demanda “cortar o paso de forme firme a clara” a que estas empresas transnacionais “colonicen” as rúas de Vigo facendo “competencia desleal” ao sector do taxi, que opera como transporte público regulado a nivel municipal.

“O Goberno de Caballero ten que abandonar a súa posición de convidado de pedra que está a permitir, por omisión, que Uber actúe de maneira pirata e ilegal desde o pasado mes de xuño en Vigo”, esixiu Igrexas. A ese respecto, denunciou que estas corporacións “opacas” detrás das VTC evaden impostos e impoñen a precariedade laboral.

Dende o Bloque pediron tamén que, na xuntanza da Fegamp, o Concello de Vigo reclame da Xunta de Galiza que exerza as súas competencias en materia de inspección e proceda a abrir expediente contra estas empresas, diante das numerosas probas de que están a utilizar a licenza outorgada para incumprir “de forma flagrante” a lei, ao realizar desprazamentos dentro do termo municipal cando só teñen autorización interurbana.

Endurecer os requisitos das VTC

O portavoz municipal nacionalista defendeu que o Goberno galego do PP ten que facer cumprir a lei diante destes “comportamentos abusivos” parte de Uber, procedendo a anular as súas autorizacións a nivel galego. Alertou, nese sentido, de que se están a consentir “irregularidades como falsear” os enderezos na trámitación das licenzas, comparando estas “facilidades” para Uber cos numerosos requisitos que se lle esixen aos profesionais do sector do taxi.

Por este motivo, dende o BNG consideraron que a reunión entre as cidades de Vigo, A Coruña, Compostela e a Fegamp debe rematar cun acordo para demandar o endurecemento das condicións que se esixen dende a Xunta ás empresas VTC, de cara a conceder a licenza para operar entre concellos galegos.

Igrexas acusou a Xunta de “complicidade” coa entrada das VTC en Galiza, en referencia a declaracións recentes do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo. Lembrou a ese respecto como un exdirixente popular en Vigo, e que tivo un alto cargo na consellaría de Economía, estivo a nómina dunha destacada empresa do sector como Cabify. “Na política de portas xiratorias do PP os únicos que gañan son sempre os mesmos: eles”, afeou.

Para a fronte nacionalista esta “política de brazos caídos” do Goberno de Abel Caballero xunto co “lavado de mans” do Goberno galego do PP están a “abandonar e castigar” o sector do taxi, malia ser unha modalidade de transporte público cuxas tarifas e condicións están reguladas polos concellos, e favorecendo a proliferación de empresas VTC. 

O BNG de Vigo reclama que o Concello se posicione na Fegamp en contra das VTC na cidade