O BNG de Vigo demanda un maior impulso público para o MARCO ante a caída das visitas ao museo

A fronte nacionalista lamenta a falla de recursos por parte de Concello, Xunta e Ministerio de Cultura, que recortaron case á metade as achegas económicas dende a súa apertura

Pasou de máis de 100.000 visitas no ano 2011 a rexistrar apenas 60.000 na actualidade, e son máis as persoas que acoden a actividades alleas no auditorio que ás exposicións

Ana Martínez: “O orzamento insuficiente impide o MARCO construír unha colección propia e a que ten, escasísima, constrúese a base de doazóns das propias artistas”

O BNG de Vigo demanda un maior impulso público para o MARCO ante a caída das visitas ao museo
Ana Martínez, concelleira do BNG de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demanda un maior impulso público para o MARCO ante a caída das visitas ao museo vigués. A fronte nacionalista sinala como causa a falla de compromiso das administracións responsábeis –Concello de Vigo, Xunta de Galiza e Ministerio de Cultura– por teren recortado as achegas económicas case á metade dende a súa apertura no ano 2002.

“O orzamento do Museo de Arte Contemporánea de Vigo é, un ano máis, absolutamente insuficiente”, valorou a concelleira do BNG, Ana Martínez, após a aprobación das contas para 2026 por parte do Padroado da Fundación MARCO. O presuposto do museo será de 1,25 millóns de euros para o vindeiro exercicio cando superaba os 2 millóns hai 25 anos.

Un recorte que aplicaron os tres gobernos que sosteñen o museo: o Ministerio de Cultura de 150.000 euros a 50.000; a Xunta de 300.000 a 100.000 e o Concello de Vigo de 900.000 a 770.000. A ese respecto, Martínez afeou a promesa incumprida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, cando en 2012 asegurou que a administración local se faría cargo de cubrir os recursos que non achegaran os Gobernos galego e español.

A concelleira nacionalista relacionou esta falla de recursos económicos coa perda continúa de visitas ao museo, que chegou a contabilizar máis de 100.000 no ano 2011 e que na actualidade rexistra apenas 60.000 visitantes. “Estas cifras son a proba de como a autocompracencia do PSOE e do PP dende os seus respectivos gobernos deixan o museo MARCO moi lonxe de acadar os seus obxectivos”, valorou.

Aliás, desde a fronte nacionalista expresan a súa fonda preocupación diante do feito consolidado nos últimos anos de que o maior número de visitas que rexistra o MARCO non sexa ás súas exposicións, senón a actividades alleas que se desenvolven no seu auditorio e salas. “É un claro síntoma da falla de dinamización”, valoran.

Sen colección propia

Dende o Bloque consideraron que o orzamento de 2026 volve “limitar” a capacidade de acción do museo de arte contemporánea, que continúa sen construír unha verdadeira colección propia e a que ten, “escasísima”, é resultado de doazóns das e dos artistas que expoñen no MARCO. Criticaron tamén a falla dun programa de comunicación propio e dunha “aposta decidida” por colocalo nos circuítos culturais nacionais e internacionais.

Aliás, Martínez defendeu a necesidade de fomentar outras actividades para impulsar o museo, como a investigación en ámbitos como as artes plásticas e visuais ou a formación profesional, mediante proxectos de residencias artísticas. “Non existen nada similar que permita -con soporte económico, material e humano- dar pulo á creación artística na nosa cidade”, lamentou.

Na fronte nacionalista ven potencial para converter o MARCO nun “centro cultural de referencia” que sitúe Vigo nos circuítos mundiais de arte contemporánea, grazas ás súa situación estratéxica a medio camiño entre o museo Serralves do Porto e o CGAC de Santiago de Compostela. 

O BNG de Vigo demanda un maior impulso público para o MARCO ante a caída das visitas ao museo