O BNG de Vigo rexeita a “burla” do conselleiro de Sanidade ao defender o novo contrato millonario con Povisa

Manifestación da plataforma SOS Sanidade Pública
Manifestación da plataforma SOS Sanidade Pública

A fronte nacionalista denuncia que cada ano o Sergas transfire máis de 200 millóns de euros á sanidade privada na área de Vigo 

Reclaman rescatar a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro, absorber  Povisa na rede pública do Sergas e poñer fin ás derivacións de pacientes á clínicas privadas

Xabier P. Igrexas: “O conselleiro ten que deixar de comportarse como un cuñado de taberna e atender o clamor que esixe unha rectificación completa das nefastas políticas sanitarias do PP” 

O BNG de Vigo rexeita a “burla” do conselleiro de Sanidade ao defender o novo contrato millonario con Povisa

O portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou hoxe o novo contrato singular que vén de asinar o Sergas con Povisa, e que manterá este centro privado como hospital de referencia para 115 mil persoas da área sanitaria de Vigo.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou as declaracións do conselleiro de Sanidade, nas que negaba o carácter privatizador deste contrato, de “gravísimo insulto á intelixencia” e “unha nova demostración de desprezo do Partido Popular pola cidade de Vigo e a súa área”. 

O contrato, polo que o Sergas que destinará preto de 100 millóns de euros anuais a Povisa, non garante as mesmas condicións asistenciais que a rede pública e mantén unha ratio de persoal sanitario moi inferior ás dos hospitais públicos. “O único que se está ‘sergastizando’, utilizando o termo acuñado polo señor Gómez Caamaño, son os petos privados do fondo especulativo propietario do grupo Ribera Salud”, retrucou Igrexas.

Ademais, a fronte nacionalista critica a “xestión absolutamente opaca” de Povisa, cuxa facturación depende en máis dun 80% do Sergas, e lamenta que o Goberno de Rueda se negue a realizar unha auditoría integral para verificar que os recursos públicos non se desvían á actividade privada do centro, tal e como o BNG leva anos a demandar. 

Complicidade total do PP

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

Igrexas vai máis alá e denuncia a “total complicidade do PP coa sanidade privada” como demostra, apuntou, a elección como nova presidenta do PP de Vigo e “presunta” candidata á alcaldía de quen foi directora financeira de Povisa durante case 30 anos. “Todo queda na casa”, ironizou.

Diante disto, o BNG esixe ao conselleiro que “deixe de comportarse como un cuñado de taberna tomándolle o pelo á xente” e atenda as demandas das mobilizacións que reclaman un cambio na política sanitaria. 

“Fronte a quen fai da saúde un negocio lucrativo para os seus amigos, o BNG seguiremos a dar a batalla para que en Vigo se garanta unha atención sanitaria cento por cento pública”, proclamou Igrexas. Con ese obxectivo volveu demandar o rescate da concesión privatizada do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), absorber Povisa na rede do Sergas e poñer fin á derivación de pacientes a clínicas privadas, fronte ao gasto de máis de 200 millóns de euros anuais de diñeiro público que acaba en mans da sanidade privada na área de Vigo.

O BNG de Vigo rexeita a “burla” do conselleiro de Sanidade ao defender o novo contrato millonario con Povisa