O Goberno español elude avalar o túnel de Elduayen en resposta a unha interpelación do BNG
A resposta oficial limítase a sinalar que se trata dun asunto de competencia municipal sen dar contestación a ningunha das preguntas concretas trasladas por Néstor Rego.
Xabier P. Igrexas: “O Goberno de PSOE e Unidas Podemos non quere expresar a súa opinión sobre un proxecto de túnel innecesario, caro, ambientalmente insustentábel e que conta cunha importante oposición veciñal”.
O Bloque Nacionalista Galego fixo pública esta mañá a resposta remitida polo Goberno español á interpelación formulada, a través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, en relación ao proxecto de túnel entre Elduayen e Policarpo Saz. Na mesma, o executivo de Madrid elude avalar a actuación e limítase a indicar que se trata dun asunto de competencia municipal, sen dar contestación ás tres preguntas concretas trasladadas polo Bloque.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que o pasado mes de decembro a fronte nacionalista decidiu interpelar o Goberno español sobre o polémico proxecto de túnel en Elduayen, ao ser cofinanciado nun 80% por fondos FEDER xestionados polo Estado e por entender que esa actuación colida coa previsión de retirar o tránsito rodado no centro das cidades prometida polo presidente, Pedro Sánchez.
Na interpelación, presentada polo voceiro nacionalista no Congreso, Néstor Rego, formulaban tres preguntas concretas que non recibiron contestación. En primeiro lugar, demandaban que o Goberno valorase o proxecto de túnel. En segundo, que se indicase se o proxecto, ao ser cofinanciado por fondos FEDER, fora obxecto de algún tipo de avaliación ou supervisión por parte da administración xeral do Estado. E por derradeiro, as nacionalistas interrogaban o executivo do Estado a respeito de se consideraba axeitada a fórmula de soterrar o tránsito rodado, a través dun túnel, en relación ao obxectivo expresado polo propio Goberno de retiralo dos centros urbanos en cidade de máis de 50 mil habitantes a partir do ano de 2023.
No entanto, a resposta oficial a todas esas cuestións foi, literalmente, que “en relación ao asunto interesado, sinálase que a competencia do mesmo reside na administración local correspondente”. Para Igrexas é claro que con esa evasiva o Goberno de coligazón entre PSOE e Unidas Podemos “non quere expresar a súa opinión sobre un proxecto de túnel innecesario, caro, ambientalmente insustentábel e que conta cunha importante oposición veciñal”.