Pontón fixa como prioritario defender as infraestruturas que Vigo necesita cun grupo galego forte en Madrid tras o 23X
Convida a votar coa cabeza e o corazón en Galiza elixindo a papeleta do BNG, a única forza que ten os seus centros de decisión no País
Pon no centro temas fundamentais para a axenda galega como revitalizar a industria, unha AP-9 libre de peaxes ou a Saída Sur ferroviaria de Vigo
A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu hoxe en Vigo á presentación das candidaturas do BNG para o Congreso e o Senado pola provincia de Pontevedra. Estivo acompañada polo portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e polas persoas que integran as listas, entre as que se atopa Carme da Silva como número un ao Congreso, seguida do vigués Brais Ruanova como número dous.
“Este 23 de xullo está en xogo que Vigo e que Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta provincia, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Vigo para ter un futuro mellor” declarou a líder nacionalista. Para conseguilo, Pontón manifestou que “a alternativa ao de sempre é o BNG”.
“Fronte ás forzas centralistas que fan o que lles ordenan en Madrid, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses” e recalcou que “o BNG sae a por todas, sen límites e co obxectivo claro de ter un grupo galego forte en Madrid”.
A portavoz nacional lembrou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. “Non imos aceptar o que nos impoñan dende Madrid. Queremos que Galiza sexa protagonista e que poida condicionar a política estatal”, engadiu.
Pontón manifestou con contundencia que “quen vai pelexar por Vigo, polas súas infraestruturas, pola súa industria, por unha AP-9 galega e sen peaxes e pola Saída Sur ferroviaria é o BNG. Apostaremos con decisión por poñer a Galiza no centro para que a axenda galega se escoite”.
O 23X: o momento de facer historia cunha Galiza que conte
Pontón convocou á cidadanía galega a que o 23X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón en Vigo e en Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG”. “Xogámonos o presente pero tamén as decisións que van marcas o noso futuro”, afirmou.
A líder nacionalista quixo amosar tamén o seu compromiso coa cidade declarando que “o voto ao BNG vai valer para seguir traballando en temas cruciais para Vigo como a Saída Sur ferroviaria”. “Igual non é importante para España”, indicou, “pero para Galiza e para Vigo é fundamental unha conexión ferroviaria de calidade con Portugal, polo noso futuro, a nosa economía e a nosa articulación como País”.
Destacou tamén que o Bloque sae este 23X “a por todas, coas pilas cargadas e co ánimo que nos dá ver que, en cada proceso electoral, o BNG é a forza política referente para a xente que quere unha Galiza mellor”. “Estamos cheas de forza e ilusión para galeguizar a campaña porque isto non é un xogo a dous”, concluíu.