Santi Domínguez defende que a caída de Peinador débese á falta de planificación do alcalde e a Xunta
O concelleiro do BNG, Santi Domínguez, rexeitou o mantemento das subvencións ao voo a Londres e asegurou que a política aeroportuaria non pode ser froito do capricho de ninguén. En resposta aos medios subliñou que os malos datos do aeroporto de Peinador responden pola contra á falta de planificación que o alcalde e a Xunta non son quen de levar adiante.
A respecto do voo a Londres, Santi Domínguez salientou que se trata dunha liña de baixo custe non consolidada, tal e como o demostra que a media de ocupación no último ano fora unicamente do 56%. Cando nun ano ou dous unha liña non funciona, o goberno municipal non pode seguir poñendo cartos enriba da mesa para que unha empresa obteña beneficios, apuntou ao respecto.
Pola contra, o nacionalista defendeu que, tal e como xa ten manifestado a portavoz municipal, os cartos da subvención deben ser destinados a emprego e servizos sociais. A eliminación desta subvención foi unha das nosas condicións para aprobar os orzamentos, e xa dixemos que as nosas emendas son innegociables, asegurou.
Complementariedade dos aeroportos
Santi Domínguez afirmou que a única vez que no Concello de Vigo houbo planificación a respecto da política aeroportuaria foi cando o BNG tivo competencias en materia de turismo. Lembrou que nese momento se presentou un plan consensuado con A Coruña, Santiago e Vigo para os tres aeroportos galegos que puxemos a disposición da Xunta.
Segundo explicou, nese plan fomentábase a complementariedade dos tres aeroportos e para Vigo contemplaba impulsar as conexións xa existentes con Madrid, Barcelona e París., e iniciar e consolidar enlaces co sur da Península e Centroeuropa. Pero ese plan quedou en nada porque a Xunta do PP o meteu nun caixón e o goberno galego creou o comité de rutas cos alcaldes á cabeza. A vista está que ese comité non serviu para nada, asegurou.
Pola contra, para o BNG a solución de Peinador non pode pasar por seguir subvencionando a unha empresa privada. Segundo Santi Domínguez, o futuro pasa necesariamente por buscar a complementariedade dos tres aeroportos. Non é de recibo seguir asistindo as liortas entre os tres alcaldes mentres o aeroporto de Porto si fai a súa planificación, comentou.