A Valedora do Pobo abre expediente polo patrocinio de Guns N Roses tras a denuncia do BNG de Vigo
A fronte nacionalista pediu o amparo do organismo diante da “opacidade” do Goberno de Caballero, que se negou a facilitar acceso á documentación relativa ao concerto
Anuncia tamén que rexeitan un ano máis as entradas que o Goberno municipal reparte de balde aos representantes da Corporación para as actuacións de Castrelos. “Son unha prebenda inaceptábel”, afirma o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas
A Valedora do Pobo abre expediente polo caso do patrocinio do concerto de Guns N Roses en Vigo tras a denuncia presentada polo Bloque Nacionalista Galego. A fronte nacionalista pediu o amparo do organismo o pasado 10 de xuño diante da “opacidade” do Goberno de Abel Caballero a facilitar acceso ao grupo municipal a todos os expedientes municipais relativos ao polémico contrato que, finalmente, foi declarado deserto.
Así, a Valedora admitiu a trámite a queixa formulada polo BNG ao entender que cumpre cos requisitos formais e demandou que o Concello informe nun prazo de 15 días das causas para denegar o acceso a esta documentación, agás dun único expediente, ao grupo municipal nacionalista. “Non imos permitir que Caballero siga escapando e tratando de esconder este caso debaixo da alfombra”, advertiu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que considerou que os “numerosos indicios de irregularidades” non poden quedar sen aclarar.
Para alén da investigación da Valedora, a fronte nacionalista solicitou novamente esta semana acceso íntegro a toda a documentación relativa ao concerto da banda estadounidense, en particular dun total de 41 expedientes municipais relacionados co frustrado patrocinio publicitario. Ademais, o portavoz do BNG insistiu na necesidade de que o alcalde aclare se son certas as acusacións da propia promotora sobre a existencia dun preacordo para o patrocinio publicitario.
Igrexas asegurou que, de confirmarse, quedaría en evidencia que a licitación pública foi unha “pantomima para encubrir” este trato previo, o que implicaría “graves responsabilidades” por parte do Goberno municipal. Unhas dúbidas que, sinalou, non paran de aumentar pola “falla de transparencia” coa que está a xestionar o rexedor este caso, evitando responder aos medios de comunicación sobre o asunto e negando os dereitos do grupo municipal do BNG a “fiscalizar” a documentación.
Rexeitamento das entradas de Castrelos
O BNG de Vigo anunciou ademais este xoves que rexeitou, un ano máis, as entradas que o Goberno municipal reparte aos representantes da Corporación para os concertos de Castrelos. “É unha prebenda inaceptábel”, valorou Igrexas, que salientou que ser cargo institucional “non dá dereito a ese tipo de privilexios porque ningún acode a un concerto en calidade de concelleiro ou concelleira”. Así, mentres a vindeira actuación esgotou entradas, con “largas colas ao sol” para pagar unha entrada, o Goberno local reserva ducias de entradas de “cortesía” para repartir de balde dúas entradas por edil. “A exemplaridade mídese tamén nos detalles”, remachou Igrexas.