Xabier P. Igrexas: “Espinosa fixo máis por tentar explicar a súa ligazón cunha offshore en Panamá que por resolver o conflito dos bombeiros”
Ao fío da sentenza xudicial que anula os servizos mínimos abusivos decretados polo Concello de Vigo na folga de bombeiros, iniciada o pasado mes de agosto, o BNG reiterou a esixencia de que se inicie “de inmediato” un proceso de diálogo para resolver a falla de medios humanos que ten ao servizo nunha situación límite.
O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, subliñou que esta sentenza é o “segundo revés xudicial” recibido polo Goberno municipal de Abel Caballero, após de que xa fose declarado ilegal o chamado decreto de permanencia, que forza a realización de horas extraordinarias, asinado polo daquela concelleiro de Seguridade, Carlos López Font. Para Igrexas revirte especial gravidade que na sentenza se recolla que a única motivación dos servizos mínimos do 100% fora, na práctica, “impedir o exercicio dun dereito fundamental como é a folga”.
Desde o Bloque urxen que se convoque “de inmediato” unha mesa de negociación co Comité de Folga dos bombeiros, na que a través do diálogo se busquen solucións a un conflito que motivou a primeira folga indefinida no corpo na historia da cidade. A este respeito, Igrexas criticou que a única resposta dada polo Goberno municipal até o momento fose “xordeira e autoritarismo” e denunciou o desleixo da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa. “Espinosa fixo máis por tentar explicar a súa ligazón cunha sociedade offshore en Panamá que por resolver o conflito dos bombeiros”, afeou o portavoz municipal nacionalista.
Igrexas reclamou ao Goberno local que mova ficha para poñer fin a este conflito. “Que se poñan a traballar e que deixen de xogar coa seguridade de todas as viguesas e vigueses”, reclamou, advertindo da “enorme importancia” do servizo de bombeiros que “non pode continuar sen contar co numero de efectivos suficientes para atender unha cidade do tamaño de Vigo”.