Aberto o prazo para alegacións aos Orzamentos do Concello de Vigo 2025
O pasado venres 14 de novembro o Pleno aprobaba inicialmente, co voto en contra do Bloque Nacionalista Galego, o proxecto de orzamentos municipais do Concello de Vigo para o vindeiro ano 2025. Unhas contas elaboradas poo Goberno de Abel Caballero en réxime de monólogo, sen escoiar nin dialogar con ninguén.
Nese Pleno, o PSOE e mais o PP rexeitaron as 152 emendas parciais que o BNG formulamos e nas que recolliamos achegas e propostas que nos trasladastes ao longo do último ano diferentes entidades e colectivos sociais, sendo a única forza política do Pleno que trasladamos alternativas para modificar o orzamento en lugar de pedir xenericamente a devolución dos orzamentos.
Dende o BNG queremos agradecer inmensamente o esforzo por facernos chegar propostas e ideas que nos permitiron artellar emendas co obxectivo de reorientar os orzamentos para dedicar o diñeiro público na atención das necesidades reais das viguesas e dos vigueses, enfrontar o actual contexto de crise social, reverter as políticas de desertización cultural e deportiva, alargar os servizos públicos municipais e poñer fin, dunha vez por todas, ao abandono dos nosos barrios e parroquias.
📌 CONSULTA AS 152 EMENDAS DO BNG AOS ORZAMENTOS DO CONCELLO DE VIGO 2025
ALEGACIÓNS VECIÑAIS
Unha vez aprobado inicialmente o presuposto municipal, e publicado no BOPPO o pasado MARTES 19 de novembro iníciase agora o período de información pública (15 días hábiles) que permitirá que tanto a veciñanza como os colectivos, asociacións e entidades, poidades propoñer modificacións do orzamento a través de alegacións, abrindo un prazo até o vindeiro 11 de decembro.
O BNG entendemos que diante da xordeira autoritaria e da total falla de diálogo e de participación coa que o Goberno municipal elaborou os orzamentos, as alegacións son unha oportunidade para que os movementos sociais trasladades de maneira directa as vosas propostas. Para facervos ouvir diante de quen non vos quixo escoitar.
Podedes DESCARGAR o expediente dos orzamentos municipais, para os coñecer en detalle, nesta ligazón:
PROXECTO DE ORZAMENTOS CONCELLO DE VIGO
Sabendo da complexidade técnica que ten un presuposto, o Grupo Municipal do BNG ficamos á vosa enteira disposición para axudar tanto na resolución de calquera dúbida como tamén facilitar o proceso de elaboración de alegacións.
Para iso podedes contactar no teléfonos 986 81 01 20 - 986 44 73 00 ou no correo electrónico [email protected]