O BNG pide debates entre os candidatos e candidatas para explicarlle á veciñanza os proxectos de cidade que se medirán nas urnas o 26M

plato-tvg-kpMF--620x349@abc

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, dirixiu unha carta á presidenta da  Asociación da Prensa de Vigo trasladándolle a súa “disposición total e absoluta” a participar en todos os debates que se organicen.

“Os debates son unha necesidade democrática, unha obriga para as forzas políticas, pero sobre todo un dereito da cidadanía para coñecer as alternativas sobre as que vai ter que decidir”, defende o candidato nacionalista.

O BNG pide debates entre os candidatos e candidatas para explicarlle á veciñanza os proxectos de cidade que se medirán nas urnas o 26M

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, vén de remitir unha carta á presidenta da Asociación de Prensa de Vigo manifestándolle a súa disposición a participar en debates electorais con motivo das vindeiras eleccións municipais do 26 de maio. O candidato nacionalista ponse así á enteira disposición dos medios de comunicación para participar nos debates que se abran de cara os vindeiros comicios municipais, para dar a coñecer de maneira aberta todas as propostas e o modelo de cidade dos distintos partidos que se presentan.

O BNG de Vigo pon de manifesto a enorme importancia destas eleccións, “que van definir a orientación da administración que é máis próxima e que incide en maior medida na nosa vida cotiá como cidadás e cidadáns” e por iso vén de remitir formalmente este escrito á APV, máximo órgano representativo da prensa viguesa, para ofrecerse a debater con todas as formacións políticas. “Vimos de trasladar formalmente á directiva da APV a plena disposición do Bloque e a miña disposición persoal como cabeza de lista para participar en debates electorais”, anunciou Pérez Igrexas.

Disposición doutras forzas

Para o candidato da fronte nacionalista, “os debates son unha necesidade democrática, unha obriga para as distintas formacións que concorremos ás eleccións municipais, pero sobre todo son un dereito da cidadanía, das viguesas e os vigueses, que teñen que poder coñecer cales son as alternativas, as propostas, cal é o proxecto de cidade de cada forza política e dos seus candidatos e candidatas”, acrecentou.

Así mesmo enfatiza, “o BNG sempre estamos e estaremos dispostos a debater en positivo e a contrastar de maneira construtiva cal é a nosa maneira de entender Vigo, o futuro desta cidade e por onde ten que avanzar nos próximos anos”.

Pero Xabier P. Igrexas vai máis alá, pedindo que os partidos políticos debatan abertamente sobre as súas propostas para sumar e buscando sempre a escoita activa: “Queremos confiar en que as distintas forzas políticas, como mínimo as que hoxe teñen representación no pleno da corporación, estean dispostas coma nós a contrastar, dialogar e poñer en común as propostas que temos para Vigo”. Igrexas confía en que as restantes formacións e os seus candidatos e candidatas “estean á altura desa esixencia cidadá que nos pide ás políticas e aos políticos e que deamos a cara, e que a deamos en primeira persoa”, remachou.  

O BNG pide debates entre os candidatos e candidatas para explicarlle á veciñanza os proxectos de cidade que se medirán nas urnas o 26M