O BNG presenta o seu programa como un “proxecto en positivo” para darlle a Vigo un novo impulso
A fronte nacionalista presentou o seu programa electoral, con 537 medidas concretas coas que aspiran a facer de Vigo “unha cidade para o pobo, unha cidade de iguais e unha cidade motor de todo un País”.
O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, afirmou que teñen “a man tendida a todas as viguesas e vigueses que cren que Vigo merece máis”. “Nós non imos sumarnos ao pim-pam-pum permanente. Non vimos a mazar en ninguén, vimos a contribuír a resolver os problemas e necesidades reais da veciñanza, dos barrios e das parroquias”, resume.
[DESCARGA O PROGRAMA ABERTO DO BNG PARA AS ELECCIÓNS MUNICIPAIS 2019]
O BNG de Vigo presentou hoxe o seu programa electoral co que se propoñen transformar en positivo a cidade poñendo o foco en propostas concretas fronte ao “ruído do pim-pam-pum permanente” no que, critican, se ten convertido a política municipal viguesa. Baixo o lema “Agora Vigo. Coas ideas claras” o candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, presentou o proxecto co que o Bloque confía en retornar como “forza determinante” na próxima Corporación Municipal.
O documento recolle un total de 537 medidas concretas e foi elaborado nun proceso “fortemente participativo”, como resultado de máis de 30 encontros sectoriais e de xuntanzas con colectivos sociais e incorporando preto de un cento de ideas e suxestións que a formación nacionalista recibiu a través da APP móbil posta en marcha hai varias semanas. Desas 537 medidas o Bloque recolle unha selección de 30 “urxentes e importantes” que en opinión de Igrexas, resumen e representan a proposta do Bloque como unha “alternativa construtiva e en positivo ao servizo da veciñanza para dar resposta aos problemas e necesidades reais da cidade”. O documento non está fechado, “é un punto de partida”, afirman, e seguirá recollendo as ideas e propostas das viguesas e vigueses. “O novo impulso que Vigo necesita é tarefa de todos e de todas, e por iso imos seguir a escoitar á veciñanza”, explica o candidato nacionalista.
As medidas do programa nacionalista responden a tres ideas forza coas que Igrexas define ese novo impulso necesario para a cidade olívica. “Queremos facer de Vigo unha cidade para o pobo, poñendo os problemas e as necesidades reais das viguesas e os vigueses no centro da política municipal, dedicando toda a capacidade e recursos do Concello a darlles resposta”. Ademais, o candidato do Bloque enfatiza a perspectiva social afirmando que procuran tamén “unha cidade de iguais, de xustiza social, de emprego digno e con dereitos, de oportunidades para a mocidade e onde se despreguen política radicalmente feministas para conseguir facer de Vigo un territorio libre de machismo”. Fronte a concepcións que “empequenecen Vigo, acantonándoa, amurallándoa e enfrontándonos con todos por todo”, Igrexas reivindica un Vigo que sexa “motor de todo un País, liderando desde a cooperación a súa Área Metropolitana, afirmándose como un vigoroso pulmón industrial para Galiza e como a capital galega da innovación, da tecnoloxías e as comunicacións”.
Propostas en positivo
Entre as iniciativas incluídas no programa salienta a redefinición das axudas sociais para a posta en marcha dunha Renda Social Municipal, duplicar o Plan Municipal de Emprego, e a elaboración dun novo Regulamento de Participación Cidadá –coa creación dos Consellos Veciñais de Barrio e Parroquia como espazos de codecisión e a posta en marcha dos orzamentos participativos. Tamén inclúen medidas para reforzar as políticas feministas, como a creación de dous novos centros de información ás mulleres ou un Plan municipal de apoio aos Coidados. En relación ao modelo urbano, o Bloque aposta por elaborar un novo PXOM de xeito “transparente e participativo” que poña o urbanismo “ao servizo da cidade e da veciñanza e non da especulación”.
A principal liña de actuación será o impulso ao transporte urbano “como eixo dunha mobilidade do século XXI que revolucione a cidade e permita volver gañar espazo público para as persoas como o BNG fixemos no Calvario e na Praza da Independencia hai dúas décadas”. A este respeito promoverán un novo mapa de liñas, frecuencias de 15 minutos en horario laborábel, a redución dos tempos de traxecto e a mellora da conexión co hospital e outras dotacións. No capítulo ambiental recollen o compromiso de “reconciliar a cidade co seu medio natural” pulando por unha maior protección e a recuperación do Lagares, dos montes e da faixa litoral, reiterando a súa oposición frontal a novos recheos. O programa inclúe un amplo paquete de medidas en defensa do benestar animal, defendendo a fin do modelo exhibicionista de Vigozoo, reconfigurándoo como centro de conservación ou co compromiso de estudar e poñer en marcha proxectos-piloto para permitir o acceso de mascotas ao transporte urbano e locais municipais. “Reverter o desmantelamento cultural dos últimos 4 anos” é outro dos compromisos do Bloque, que propón a creación dunha rede de bibliotecas en todos os barrios ou a dinamización da Rede Museística. Unha fiscalidade municipal progresiva e a determinación para “reverter os procesos de privatización, remunicipalizando a xestión dos servizos públicos”, completan os principais eixos programáticos.
Sobre o papel da cidade, o programa do Bloque defende un “Vigo referencial”, coa posta en marcha da Área Metropolitana, recuperando o consenso necesario e dotándoa de contido práctico para mellorar a calidade de vida e os servizos que se prestan. Tamén se comprometen a demandar con firmeza a “fin do abandono” que padece a cidade tanto por parte da Xunta como do Goberno español, urxindo o desbloqueo do financiamento que necesita a “principal cidade de Galiza”. Por último, defendendo as potencialidades do Eixo Atlántico e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, a fronte nacionalista aposta por estabelecer “unha cooperación estábel e continuada entre as 7 cidades galegas”. “A Galiza urbana temos que sumar esforzos para impulsar xuntos e xuntas un proxecto de País, unha nova Galiza, próspera, socialmente xusta, igualitaria, radicalmente democrática e con plena capacidade de decisión”, defenden.
Man tendida para sumar en favor de Vigo
Certo de que o BNG vai volver estar na corporación municipal a partir do 26 de maio, Igrexas explicou que aspiran “a estar nunha posición de forza para ser decisivos”. “Non queremos sumarnos o constante pim pam pum no que se teñen convertido os plenos. Nós non imos retornar á Corporación Municipal para mazar en Abel Caballero, nin en ninguén. Vimos a mazar nos problemas da cidade, a contribuír a resolver os problemas reais das viguesas e os viguesas para que a política municipal de Vigo deixe de versar sobre un nome e un apelido”, acrecentou.
Neste sentido, Igrexas explicou que a campaña do BNG vai estar centrada nas propostas e alternativas e non “na crítica nin na diagnose”. “O Vigo TOP do que fala un candidato non existe. Pero non é necesario que o digamos o BNG. Víveno en carne propia as viguesas e os vigueses, cando ao ir coller un bus este pasa cada hora ou non pasa en fin de semana. Cando dúas de cada tres familias queda sen praza nas escolas infantís públicas porque non se creou ningunha nova en catro anos. Cando a pesar de estar nunha situación límite quedan sen o cheque social ou tardan sete meses en tramitarlle un Risga. Por iso, nós do que imos falar é do que un BNG determinante podemos facer en favor de Vigo”, remachou.
Igrexas defendeu que o proxecto de cidade do Bloque está dirixido “ao conxunto das viguesas e dos vigueses”. “Temos a man absolutamente tendida, queremos sumar o apoio de millares de cidadás e cidadáns que creen que Vigo merece máis, independentemente de que concorden ou non co que se fixo estes últimos catro anos, pero que entenden que a cidade precisa dun novo impulso”, enfatizou.
Convencidas do regreso á Corporación
A preguntas dos medios sobre a expectativa de cara os vindeiros comicios Pérez Igrexas o ten claro: “Temos unha sensación moi positiva, non só a certeza de que o Bloque imos voltar ao Concello senón dunha clara remontada do BNG. Estamos vendo que fronte a falta de goberno e de alternativa real nas forzas da oposición que teñen presenza hoxe no Pleno, a xente volta a ollar para nós. Xente que nos votou no pasado pero tamén xente que non votou nunca ou que vai poder votar por primeira vez e que entende que o Bloque somos unha alternativa en positivo”.
Despois de “patear os barrios e as parroquias”, de moitas reunións e encontros, o candidato á alcaldía di que a resposta da veciñanza que máis lle ten marcado a nivel persoal é o recoñecemento de “o Bloque somos a única forza que nos preocupamos pola xente, que nos preocupamos polos seus problemas e que falamos de transporte, de política social, de política feminista, de cultura, e que malia non termos estado no pleno si estivemos na cidade, a pé de rúa e a carón dos movementos sociais”, apuntou, expresando o seu recoñecemento ao papel xogado por Serafín Otero, anterior candidato ás municipais e actual responsábel local do Bloque en Vigo.